Comeza a programación de EmprazArte na praza do Edificio Castelao do Museo

Pontevedra
27 de xullo 2022

Este venres 29 de xullo a primeira actuación na praza do Edificio Castelao do Museo será a da autora e intérprete Marisa Valle Roso e o sábado 30 será a quenda do público infantil co espectáculo ‘Unha noite con Laxeiro’, unha peza de monicreques producida por Títeres na túa casa

EmprazArte, iniciativa cultural do Museo de Pontevedra Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra vai desenvolver dende este venres 29 de xullo e ata mediados de setembro unha nova edición de EmprazArte, unha iniciativa cultural que naceu o verán pasado cunha oferta para todos os públicos.

Na praza que dá acceso ao Edificio Castelao do Museo, as noites dos venres estarán destinados a música actual e os sábados de mañá ofreceranse actuacións para público infantil.

Marisa Valle Roso abre a programación de EmprazArte este venres 29 de xullo ás 21.00h. O sábado 30 de xullo ás 12.30h será a quenda de Títeres na túa casa e o seu espectáculo dedicado a Laxeiro. Mundo Chillón actuará o venres 16 de setembro ás 21.00h e Magín Blanco o sábado 17 de setembro ás 12.30h.

MARISA VALLE ROSO

Este venres 29 de xullo, a primeira actuación na praza do Edificio Castelao do Museo será a da autora e intérprete Marisa Valle Roso, que leva o folclore astur a outro nivel. En 2014 o cantautor Víctor Manuel interésase por ela e lévaa na súa xira "50 años es nada" xunto con outros amigos como Silvia Pérez Cruz, Jorge Drexler, Joaquín Sabina, Estopa ou Andrés Suárez.

No 2017 no seu disco ‘Consciente’ evoluciona cara outros folclores, xéneros e estilos contando coa colaboración artística e compositora de Víctor Manuel, quen compuxo unha canción inédita para ela, e Rozalén. Este traballo recibiu o Premio AMAS no apartado "Mellor Canción Folk" polo tema ‘Cómplices’.

Neste 2022 lanza o seu primeiro disco como compositora, ‘Lo Fugaz’, no que explora o folclore e fai confluír con atmosferas electrónicas e tinguiduras pop, que dan como resultado un traballo contemporáneo e ao mesmo tempo emanado da raíz.

TÍTERES NA TÚA CASA

O sábado 30 será a quenda do público infantil co espectáculo ‘Unha noite con Laxeiro’, unha peza de monicreques producida por Títeres na túa casa, que nace como homenaxe á vida e a obra do pintor José Otero Abeledo ‘Laxeiro’.

Nela, o rico universo de Laxeiro cobra vida para explicarse a si mesmo a través da mirada infantil, nun evento divertido no que todos os elementos están baseados en diferentes cadros do pintor.

A sinopse da obra conta que cando Pepiño vai durmir ao seu cuarto comeza unha viaxe onírica, atravesa a Porta do Trasmundo, e muda nun personaxe dun cadro de Laxeiro atopándose con outros personaxes de Laxeiro que o guiarán por diversas aventuras ata atopar o camiño de volta á realidade.