Comeza a Feira do Libro Novo con Filgueira Valverde como referencia

Pontevedra
14 de abril 2015

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, acudiu á inauguración na praza da Ferrería durante a tarde deste martes 14 e Fernando Filgueira, fillo do autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas deu lectura o pregón de apertura desta Feira que permanecerá aberta ata o 19 de abril 

Inauguración da Feira do Libro Novo 2015 Daniel Santomé

As novidades editoriais xa se mostran ao longo do paseo Antonio Odriozola dentro da celebración da Feira do Libro de Pontevedra que na tarde deste martes 14 inauguraba o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, acompañado entre outras autoridades pola deputada provincial de Cultura Ana Isabel Vázquez, pola concelleira de Cultura, Anxos Riveiro e polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

O pregón que abriu as actividades desta Feira correu a cargo de Fernando Filgueira, fillo do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, o pontevedrés Xosé Filgueira Valverde. Na súa intervención recordou as facetas importantes do seu pai como bibliófilo, receptor de bibliotecas e como editor. E realizou un chamamento a que os pontevedreses a que acudan á Ferrería para que lean máis e regalen libros.

Pola súa banda, Román Rodríguez, destacou a importancia de que se desenvolvan estes eventos nunha época de crise e sinalou que as librarías son "puntos de resistencia" da cultura.

Oito librarías de diferentes puntos de Galicia participan nesta edición na que tampouco faltan os postos da Deputación Provincial e da Biblioteca Pública de Pontevedra. Ao longo dos puntos de venda pódense encontrar, entre outras, obras como Número Cero de Umberto Eco, No, mi General de Irene Lozano e Zaira Cantera ou La Templanza de María Dueñas. Tamén se encontran novelas en lingua galega como Son noxento de María Xosé Queizán ou a versión da última parte da triloxía de Dolores Redondo, Ofrenda á tormenta. Tampouco falta a literatura infantil, os cómics ou mesmo obras de Antonio Saura.

Dende este martes ata o día 19, os visitantes poderán gozar dunha ampla oferta de actividades coa presentación de novidades editoriais, cuentacuentos, obradoiros de ilustración, de maxia e de linguaxe de signos, recitais poéticos e firmas de libros con diferentes autores que se desenvolverán na carpa situada na Praza da Ferrería. A Feira tamén acollerá a proxección do documental de Gonzalo Veloso que leva por título Contextualizando a Filgueira Valverde.

Tras a súa estanza en Pontevedra, a Feira desenvolverase noutras once cidades galegas baixo o lema 'A historia en letras'.

Arquivado en