'Cinema e Estrelas' proxectará na Pedreira películas multipremiadas e un clásico en 35mm

Pontevedra
05 de xullo 2023

O ciclo de cinema ao aire libre abrirase o martes 11 de xullo con Todo á vez en todas partes, o filme que arrasou nos Oscar 2023, e pecharase o sábado 15 con Johnny Guitar, un dos westerns máis icónicos da historia do cinema

O triángulo da tristeza (Ruben Östlund, 2022, Suecia)

Entre o martes 11 e o sábado 15 de xullo, a praza da Pedreira de Pontevedra acollerá o ciclo de cinema ao aire libre 'Cinema e Estrelas', unha cita que forma parte da programación das Festas de Verán do Concello de Pontevedra.

Todas as películas comezarán ás 23:00 horas e proxectaranse en versión orixinal subtitulada en castelán. 

 

PROGRAMACIÓN CINEMA E ESTRELAS 2023

Martes 11 | 23 h | PRAZA DA PEDREIRA
TODO Á VEZ EN TODAS PARTES
(Daniel Kwan e Daniel Scheinert, 2022, EE UU, 139 min., VOSE)

Cando unha ruptura interdimensional altera a realidade, Evelyn (Michelle Yeoh), unha inmigrante chinesa nos EE UU que ten problemas coa declaración da renda, vese envolta nunha salvaxe aventura na que só ela pode salvar o mundo. Perdida nos infindos mundos do multiverso, esta heroína inesperada debe canalizar os seus novos poderes para loitar contra os estraños e desconcertantes perigos do multiverso mentres o destino do mundo pende dun fío.

Daniel Kwan e Daniel Scheinert son os artífices desta divertidísima e ecléctica aventura de ciencia ficción que arrasou nos Oscar 2023, onde gañou sete galardóns, incluíndo Mellor Filme, Mellor Dirección e Mellor Guión Orixinal.

 

Mércores 12 | 23 h | PRAZA DA PEDREIRA
ALCARRÀS

(Carla Simón, 2022, España, 120 min., VOSE)

En Alcarràs, unha pequena localidade rural de Lleida, a vida da familia Solé xira arredor do cultivo de pexegueiros, fonte do seu sustento ao longo de xeracións. Logo de oitenta anos cultivando a mesma terra, un parque de paneis solares acelera o cambio de ciclo e a familia reúnese para realizar a súa última colleita. 

Interpretada por actores non profesionais e recoñecida co Oso de Ouro no Festival de Berlín 2022, Alcarràs é a confirmación do gran talento da directora de Verano, 1993

 

Xoves 13 | 23 h | PRAZA DA PEDREIRA
DECISION TO LEAVE

(Park Chan-wook, 2022, Corea do Sur, 138 min., VOSE)

Hae-Joon, un veterano detective, investiga a sospeitosa morte dun home no cume dunha montaña. De seguida comezará a sospeitar de Sore, a muller do defunto, mentres a atracción que sente por ela o desestabilizará.
 
Un noir elegante e visualmente exquisito que lle serviu a Park Chan-Wook (Oldboy, A doncela) para alzarse en Cannes o premio á Mellor Dirección.

 

Venres 14  | 23 h | PRAZA DA PEDREIRA
O TRIÁNGULO DA TRISTEZA

(Ruben Östlund, 2022, Suecia, 147, VOSE)

Logo da Semana da Moda, Carl e Yaya, unha parella de modelos e influencers, son convidados a un cruceiro de luxo. Mentres a tripulación lles brinda todas as atencións aos exclusivos pasaxeiros, o capitán négase a saír da súa cabina. Os acontecementos toman un xiro inesperado cando unha treboada pon en perigo o confort dos pasaxeiros e muda as antigas xerarquías.

Entre a comedia irreverente e a análise sociolóxica, O triángulo da tristeza é a segunda Palma de Ouro que gaña Ruben Östlund en Cannes, logo de conseguila en 2017 con The Square.

 

Sábado 15  | 23 h | PRAZA DA PEDREIRA
JOHNNY GUITAR

(Nicholas Ray, 1954, EE UU, 110 min., VOSE)

Vienna (Joan Crawford) é propietaria dun salón de xogos situado nos arrabaldos dunha cidade do Oeste e unha das mulleres máis poderosas da zona. Os celos obsesionan a Emma, antiga rival, que ha facer todo o posible por detela. Mais Vienna contará coa axuda dun vello amor, Johnny Guitar, un antigo pistoleiro reconvertido en músico.

Cun orzamento de serie B, Nicholas Ray fixo de Johnny Guitar un dos westerns máis icónicos da historia do cinema. Esta última sesión proxectarase en copia de 35 mm.