'Cinema con perspectiva' levará obradoiros e curtametraxes a corenta centros educativos galegos

Bueu
11 de abril 2023

O Festival de Cinema de Bueu amplía o seu alcance con esta iniciativa que ten como obxectivo fomentar a igualdade, o interese polo cinema e a educación audiovisual entre a mocidade galega

Coloquios FICBUEU 2023 - Corin Silva (centro) e Severiano Casalderrey (dereita)

O Festival de Cinema de Bueu (FICBUEU) amplía o seu alcance cunha iniciativa para levar obradoiros de creación e proxeccións ás escolas de toda Galicia.

Baixo o nome 'Cinema con perspectiva', o programa ten como obxectivo fomentar a igualdade, o interese polo cinema e a educación audiovisual entre a mocidade galega. Contará coa participación de corenta centros educativos.

De cara a traballar e reflexionar sobre a igualdade de xénero e social, a iniciativa consistirá na realización de sesións de proxección de curtametraxes cun posterior coloquio e análise dos filmes. Ofreceranse ferramentas para que os escolares identifiquen valores e comprendan as mensaxes enviadas a través destes, comparando opinións e debatendo sobre o papel da muller na sociedade e as problemáticas existentes neste eido.

Durante os obradoiros, os escolares aprenderán diferentes aspectos do cinema, como a dirección, a interpretación, a produción ou a edición de películas realizando unha pequena curtametraxe para poñer en práctica as ferramentas e conceptos sobre linguaxe cinematográfica que o equipo do FICBUEU achegará.

A partir da semana que vén a organización dará comezo ao programa que se estenderá ata finais de curso nos centros educativos.