Ron Lalá, Redrum Teatro, El Espejo Negro, Ibuprofeno Teatro, a Compañía do IES Illa de Ons e a Compañía de Danza Fran Sieira, formarán parte dunha nova edición do ciclo Ponteatro, que se celebrará no Teatro Principal entre o 20 de febreiro e o 3 de abril.
O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, destacou non só a calidade dos espectáculos senón o diálogo do teatro galego con compañías nacionais cunha programación "innovadora e arriscada".
O xoves 20 de febreiro, ás 21.00 horas, no Teatro Principal representarase "4 x 4", de Ron Lalá.
Trátase dunha viaxe ás catro primeiras obras de Ron Lalá. Un percorrido polas escenas esenciais dos espectáculos que a consolidaron como unha das compañías máis premiadas e aclamadas pola crítica e público: "Mi misterio del interior", "Mundo y final", "Time al tiempo" e "Siglo de Oro, siglo de ahora".
Unha ruta teatral e musical, co desafío de revivir as catro propostas e dar conta da evolución creativa e escénica dos "ronlaleiros". Catro espectáculos nun. Unha festa de humor crítico e cítrico. Ron Lalá en estado puro.
O xoves 27 de febreiro, ás 21.00 horas, no Teatro Principal, Redrum Teatro pon en escea a súa obra "#2Pilgrims".
Lembrades a Sheyla Fariña e a Guillermo Carbajo? Ela protagonizou a serie Acacias 38, e el foi o neno de Pratos Combinados.
"Agora as súas carreiras están acabadas. Vivimos nun mundo caótico e imprevisible pero grazas á globalización, ás redes sociais, a Netflix e a un ditador psicópata, quizáis lles quede unha última oportunidade que retornar a ese firmamento de estrelas da TVG", segundo a sinopse da obra que fai a propia compañía.
O Camiño de Santiago, a igualdade e as novas masculinidades serán os temas principais do proxecto #2Pilgrims.
O xoves 13 de marzo, ás 21.00 horas, no Pazo da Cultura o público poderá ver "El Verdugo", unha multipremiada versión teatral da película de Luis García Berlanga, da man de El Espejo Negro, a compañía estable de monicreques para adultos máis lonxeva con trinta anos de historia.
O xoves 20 de marzo, ás 21.00 horas, no Teatro Principal está programada a obra "Reconversión", de Ibuprofeno Teatro.
Trátase dun exercicio de memoria histórica arredor da reconversión no sector naval na ría de Vigo
"Reconversión" é unha viaxe desde a posguerra ata o ‘felipismo’ dos 80, pasando pola auxe da industria siderúrxica e a evolución desde un estilo de vida rural a unha sociedade capitalista.
Un espectáculo de gran formato para público adulto, con oito actores-músicos que forman unha charanga e interpretan a banda sonora en directo.
O venres, 28 de marzo, ás 19.00 horas, no Pazo da Cultura e no marco do Salón do Libro, a Compañía do IES Illa de Ons de Bueu representa o musical "Os Miserábeis".
Esta é unha adaptación propia, integramente en galego, a partir dunha revisión contemporánea e feminista da novela do escritor francés Víctor Hugo. A historia, que na súa orixe transcorre na Francia do século XIX e das revolucións de 1830, trasládase agora a un ambiente máis galego, con referencias a temas actuais como a loita pola liberdade, a desigualdade social, a coraxe ou a revolución do pobo.
E por último, o xoves 3 de abril, ás 21.00 horas, no Pazo da Cultura, a Compañía de Danza Fran Sieira amosará o seu espectáculo "Ceibe".
Ceibe afonda na relación entre o xénero e a nosa tradición neste caso o baile tradicional galego. Trátase de entender que é o xénero para nós como individuos, como colectivo e tamén como sociedade.
Reflexiona sobre as categorías de xénero e os seus estereotipos, impostos socialmente para establecer distancia coa normatividade e arrastrala cara ás marxes e, desde aí, formular e construír novas formas de entender o corpo e o movemento.
Cuestiona as identidades de xénero normativas e hexemónicas para comprender e compartir que o xénero opera sobre todos os corpos.
A venda anticipada xa está aberta en www.ataquilla.com.
Os abonos para todo o ciclo teñen un prezo de 26 euros (máis gastos de tramitación) e as entradas para cada un dos espectáculos estarán dispoñibles ao prezo habitual de 8 euros, catro para estudantes, persoas desempregadas e maiores de 65 anos.
As entradas de prezo reducido pódense comprar por medios telemáticos, pero só se poden retirar na billeteira acreditando a condición de beneficiario.
En caso de non esgotarse as entradas en venda anticipada, a billeteira (do Teatro Principal ou do Pazo da Cultura, dependendo de onde se leve a cabo a función) abrirase unha hora antes do comezo do espectáculo.