Chega a Pontevedra a mostra itinerante que pon en valor a historia das mulleres da emigración

Pontevedra
25 de marzo 2022

A exposición da Deputación e da Cátedra Iberoamericana da Universidade de Sanitago de Compostela arranca o xoves 31 en Pontevedra e percorrerá O Grove, Vila de Cruces, Vilagarcía, Silleda, Cerdedo-Cotobade, Soutomaior e Redondela

Presentación da mostra "Pontevedra e América. Unha mirada en feminino" Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra e a Cátedra Iberoamericana da Universidade de Sanitago de Compostela presentaron este venres mostra itinerante "Pontevedra e América. Unha mirada en feminino".

Esta exposición xorde no marco do convenio entre ámbalas dúas institucións para poñer en valor a historia das mulleres da e na emigración, "rescatando a súa experiencia e devolvéndolles o protagonismo que lles corresponde". 

Arranca o xoves 31 de marzo no exterior do Pazo provincial en Pontevedra e percorrerá os concellos do Grove, Vila de Cruces, Vilagarcía, Silleda, Cerdedo-Cotobade, Soutomaior e Redondela.

Son trece mulleres da talla de Isabel Barreto, Mercedes Ruibal, Teresa Táboas, Elena Colmeiro, Virxinia Pereira, Nélida Piñón, Anisia Miranda, Lorena Lores, María Araújo, Josefa Emilia Sabor, Mariví Villaverde, María Vinyals e Isabel Gómez para as que o tempo vivido en América e en Pontevedra constitúe o nexo de unión.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto as impulsoras da mostra, María Cadaval, María Xosé Rodríguez Galdo e Rosario Sarmiento, animou a coñecer a experiencia vital de mulleres "tan potentes, que son a nosa historia, historia roubada que nós recuperamos para que a sociedade coñeza todas as súas aportacións". 

A mostra exponse en catro cubos que presentarán tanto os obxectivos da exposición como as biografías e fotografías das trece mulleres protagonistas. Durante a xornada inaugural haberá unha conferencia que servirá para render homenaxe ás mulleres especialmente vinculadas coas localidades que acollen a mostra.

En Pontevedra as mulleres protagonistas serán Isabel Barreto, Mercedes Ruibal e Teresa Táboas, especialmente vencelladas coa cidade do Lérez. Sobre elas falarán María Xosé Rodríguez, Rosario Sarmiento e a propia Teresa Táboas nunha conferencia que terá lugar o vindeiro 31 de marzo no Salón de Plenos trala inauguración.

O seguinte punto de parada da exposición será Silleda no que se renderá homenaxe a Elena Colmeiro e Virxinia Pereira a cargo de Rosario Sarmiento e Montse Fajardo. Pola súa banda, en Cerdedo-Cotobade será protagonista Nélida Piñón, sobre a que afondará Carmen Villarino. A continuación, a mostra recalará en Vila de Cruces onde Pilar Sampedro renderá homenaxe a Anisia Miranda. Xa no Grove a propia Lorena Lores falará da súa traxectoria vital e en Vilagarcía María Xosé Porteiro e María Antonia Pérez afondarán na vida de María Araújo, Josefa Emilia Sabor e Mariví Villaverde. En Soutomaior, Silvia Cernadas renderá homenaxe a María Vinyals e xa cara o último trimestre do ano Redondela acollerá a última parada da mostra coa conferencia de Lara Graña centrada en Isabel Gómez.