Este mércores 18 de novembro comezaba a súa andaina na Casa das Campás, sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, a exposición 'Facer camiño', que reúne as obras coas que doce artistas e membros da Real Academia Galega de Belas Artes (RACBA) reflexionan sobre o proceso creativo como metáfora do camiño.
Ata o 1 de decembro poderán contemplarse as obras de Ignacio Basallo, Manuel Buciños, Xosé Díaz, Menchu Lamas, Xurxo Lobato, Acisclo Manzano, Din Matamoro, Manolo Paz, Soledad Penalta, Miguelanxo Prado, Manuel Quintana Martelo e Rafael Úbeda, a través de pintura, fotografía, escultura, gravado e debuxo
A mostra foi promovida pola Academia co financiamento da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e está comisariada pola galerista Asunta Rodríguez.
Segundo informa o Diario da Universidade de Vigo (DUVI), a tamén académica Asunta Rodríguez foi a responsable de artellar "nas visitas feitas aos estudos dos diferentes artistas", unha exposición que, como sinala o presidente da RACBA, Manuel Quintana Martelo, toma "como nexo común o camiño, ou mellor, o facer camiño", como metáfora do propio proceso creativo, pondo o foco nese senso nas ideas da peregrinación e do Camiño de Santiago.
Quintana Martelo explica que esta exposición reúne "por primeira vez" aos académicos e académicas artistas plásticos e visuais que, con dúas obras cada un, toman parte nunha exposición que o pasado mes de xullo iniciou no Museo do Mar de Vigo o seu percorrido por dez cidades e vilas galegas, que a levaron a continuación a visitar A Coruña, Lugo, Ferrol, Tui e Cee, chegando agora a Pontevedra; con Ourense e Mondoñedo como seguintes paradas.
Pola súa banda, o vicerreitor do campus, Jorge Soto, manifestaba que "é un orgullo que pensasen en nós e que teñamos esta colaboración, que ogallá non sexa a última", ao tempo que salientaba o "traballo e esforzo" da RACBA neste proxecto xa que "as artes son fundamentais para entender o que é Galicia".
CONFERENCIA DE CARLOS VALLE
A inauguración da mostra complétase coa conferencia que este mércores 18 de novembro ofrece o historiador da arte, académico e anterior director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, ás 19:30 na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra (Casa das Campás) baixo o título 'Pontevedra: un fito nos camiños de peregrinación a Santiago'. No relatorio, trazará un percorrido pola historia da cidade desde a época romana ao seu período de esplendor na Baixa Idade Media e no século XVI.
A entrada é libre ata completar o aforo que, por causa da situación sanitaria, estará reducido a 15 persoas.