Charla concerto para escoitar antiquísimas gaitas de fol custodiadas no Museo de Pontevedra

Pontevedra
12 de febreiro 2024

Será este próximo venres 16 no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, a partir das sete da tarde

O músico e investigador Pablo Carpintero Museo de Pontevedra

Este próximo venres 16 de febreiro o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolle desde as 19.00 horas unha charla concerto sobre as gaitas de fol nesta provincia. Será impartida polos músicos e investigadores Rosa Sánchez e Pablo Carpintero e a entrada, ata completar aforo, é gratuíta.

Na parte da charla explicarán como se conseguiu poñer datas a estes instrumentos que custodia o Museo, a súa morfoloxía, como se elaboraban e como se tocaban. Entre estas pezas que se conservan están algunhas das máis antigas que se documentaron no mundo. O público tamén poderá ver as ferramentas que utilizaba o gaiteiro e artesán de Poio, Manuel Villanueva para fabricar gaitas. Na parte do concerto interpretaranse pezas con algunhas destas antiquísimas gaitas de fol.

Pablo Carpintero é Diploma de Estudos Avanzados en Historia da Música na Universidade de Vigo. Traballou no proxecto Ronsel de recuperación do Patrimonio Cultural Inmaterial e foi consultor da Unesco en temas relacionados co patrimonio inmaterial. O Museo de Pontevedra colaborou con el na súa tese doutoral e máis recentemente na investigación para datar un punteiro que pertenceu a Perfecto Feijoo.

Rosa Sánchez é bailadora, cantadora tradicional e toca os tambores das diferentes zonas do noroeste peninsular. Xunto con Carpintero teñen recompilado un dos maiores arquivos de gravacións de campo desta zona con máis de novecentas horas, que doaron ao APOI do Museo do Pobo Galego.