Dende 1884 ata os anos 80 do século XX. Cen anos de historia de España e cen anos de historia do tren que dende este venres ata o vindeiro 8 de maio se poden coñecer no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra. O percorrido histórico permíteo a exposición 'Historia do tren de xoguete español', que se organiza con motivo do 130 aniversario da chegada do ferrocarril a Pontevedra o 16 de maio de 1884.
A mostra está conformada por 300 xoguetes ferroviarios, entre eles varias pezas únicas nunca antes expostas ao público, que forman parte da colección particular Quiroga-Monte, que ten máis dun millar de pezas que abranguen 150 anos de historia. O seu comisario, José Antonio Quiroga, defínea como "la exposición de juguetes más completa que se puede visitar ahora en España".
As 300 pezas expostas permiten achegarse á evolución dos materiais empregados na fabricación de trens de xoguete, da folla de lata á madeira, o celuloide e o plástico dos máis recentes. A máis antiga coincide co ano no que o tren chegou a Pontevedra e dende ese momento permite facer un percorrido tamén por métodos e deseños empregados na industria xogueteira ao longo dun século.
O percorrido farase a través de, segundo José Antonio Quiroga, "obras maestras admiradas por coleccionistas de todo el mundo", como o conxunto de 14 xoguetes da marca Hispania, elaborados no Barrio de Gracia de Barcelona. Deles 11 nunca antes foran expostos ao público.
Un tren de madeira de 1918, do considerado pai do construtivismo Joaquín Torres García; as únicas 11 pezas realizadas polo alemán Enrique Kelle; a mítica Mastodonte de 1930; a primeira máquina eléctrica; trens de chapa de latón estampada; ou unha composición de máis de 100 pezas que recrea o ferrocarril dos anos 40 con estacións, andéns, depósitos de locomotoras, despacho de billetes ou trens. Son algunhas das pezas que permiten este achegamento a cen anos de historia.
Os afeccionados ao mundo do tren de xoguete poderán ver por primeira vez en España os primeiros trens de Jorge e Enrique Raís (1884-1910) e os que queira coñecer a historia do tren en Pontevedra poderán facerse unha idea de como era a vella estación de Campolongo a través dun conxunto de estacións de tren de principios do século XX, reflexo dun tipo de arquitectura industrial moi peculiar.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, percorreu a exposición antes da súa inauguración en compañía dos seus donos e do director do Museo, Carlos Valle, e destacou que é un paso máis na "aposta pola diversificación da oferta do Museo" e unha oferta turística para a Semana Santa.
Ademais dos xoguetes, os visitantes poderán tamén recrear como foi a chegada do tren á cidade a través de recortes de prensa de finais do século XIX e principios do XX e a exposición complementarase cun viaxe en tren turístico polas zonas polas que pasaba a antiga vía, con explicacións técnicas e históricas.