Un tren do século XIX permitirá viaxar no tempo polas antigas vías do ferrocarril en Pontevedra
Por Redacción
O Museo de Pontevedra inaugura este venres 11 de abril unha exposición no Sexto Edificio sobre a Historia do tren de xoguete e, con tal motivo, a Deputación Provincial promove dúas iniciativas que permiten realizar un percorrido en tren pola cidade e unha visita interior polo Sexto Edificio do Museo.
Desta forma, un tren turístico que recorda aos que se empregaban no século XIX permitirá que os asistentes realicen unha visita polas áreas polas que pasaba a antiga vía e polo lugar no que se encontraba a antiga estación de tren, observando os restos que se conservan. Ao longo do traxecto, os viaxeiros tamén poderán coñecer a historia da creación dos tramos Redondela-Pontevedra (1884) e Carril-Pontevedra (1899).
Este tren con capacidade para preto de 30 persoas realizará unha ruta circular partindo do Sexto Edificio e percorrendo a Avenida de Bos Aires pasando por Reina Victoria, a Praza de Galicia ata chegar á Barca onde retornará pola Avenida de Uruguai, Mugartegui e Vide ata chegar ao Sexto Edificio.
Estas rutas realizaranse os días 11 e 12 de abril e o 16 de maio, dentro das actividades da exposición que se clausura o 18 de maio.
PEQUENO TREN NO INTERIOR
Tamén se ofrecerá unha actividade para os nenos a través dun pequeno tren que os trasladrá pola área de cristal do Sexto Edificio. Estas visitas serán o domingo 13, de 11.00 a 14.00 horas, e os sábados 19 e 26 de abril e 3 e 10 de maio, de 11.00 a 13.00 horas, ademais do venres 16 de maio, de 17.00 a 21.00 horas.
Todas estas rutas serán gratuítas e sen necesidade de inscribirse previamente.