Celme organiza un festival folclórico no Teatro Principal

Pontevedra
30 de outubro 2022

O luns 31 de outubro ás 20.15 horas o Teatro Principal vivirá un festival con folclore de Galicia e Castela León

Actuación de Celme na Praza da Ferrería Celme

O luns 31 de outubro ás 20.15 horas o Teatro Principal vivirá un festival con folclore de Galicia e Castela León.

A agrupación pontevedresa Celme, catro anos despois, pisa de novo o Teatro Principal para mostrar a riqueza que en música, baile, canto e indumentaria ten Galicia. 

Nos seus 38 anos de historia Celme actuou por 14 países de Europa, en Estados Unidos e por toda a península Ibérica.

Convidados por Celme participará tamén o Grupo de Danzas de San Pedro de Gaíllos de Segovia. Celme estivo en 2019, antes da pandemia, e tamén quince anos antes participando no Festival que organiza na súa terra esta agrupación castellanoleonesa.

O Grupo de Danzas de San Pedro de Gaíllos mantén as tradicións da súa comarca desde hai 40 anos mostrando as súas danzas de paloteos, entradilla e o arco. Ao ritmo da dozaina, o tambor, os paus de palotear e as castañuelas mesturan os seus sons baixo ritmos diferentes de música, logrando un todo harmonioso que aproveitan os danzantes para palotear formando os máis diversos cruces e lazos entre eles.

A Agrupación Folclórica Celme mostrará a riqueza que en vestimenta ten Galicia, máis de 25 traxes de gala de diferentes comarcas, traxes de faena cosidos manualmente, e ao ritmo das gaitas, as pandereteiras, o tambor e o bombo, bailarán, entre outras, danzas tradicionais como a Xota e a Muiñeira de Lourido, a Regueifa, e danzas dos pobos que levan o seu nome como a Xota de Bardáns e Xota de Montrove.