O Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedracumpre 24 anos e faino ao grande. Do 13 ao 18 de xullo, a cidade será escenario de diversos concertos e actividades relacionadas con estes estilos musicais con artistas de primeiro nivel.
Este martes 5, a concelleira de Festas, Carme da Silva e os coordinadores do Festival, Luís Carballo e Juan Antonio Ortiz presentaban no Concello esta edición que se iniciará o 13 de xullo na Praza do Teucro, ás 22.30 coa actuación do grupo Sumrrá, un trío compostelán que ofrece un jazz cheo de frescura.
Durante esa xornada tamén se poderá gozar de Jazz Pola Rúa coas actuacións de Chivinjazz en dobre sesión. Ademais, o antigo conservatorio acollerá durante todo o Festival unha nova edición de Pontejazz Workshop coas intervencións de músicos como Dayna Stephens, Philip Dizack ou Kyle Poole, intérpretes que ofrecerán os seus coñecementos aos novos músicos no antigo conservatorio.
O xoves 14, a Praza do Teucro será o escenario parao concerto de Naíma Acuña Cuarteto, previo ás actuacións que se desenvolverán na praza da Ferrería. Alí, a partir do venres 15 daranse cita aPonteJazz Big Band, músicos galegos que interpretarán temas con Poole, Dizack e Stephens. A noite seguinte chegará o futuro BB King, o novísimo"King Solomon" Hicks, unha das estrelas emerxentes no universo dos guitarristas norteamericanos de blues.
O domingo 17, Antonio Sánchez, un dos baterias máis destacados da súa xeración que acompañou con frecuencia ao gran Pat Metheny, ofrecerá un concerto acompañado por Migration. Sánchez é autor da banda sonora orixinal da película Birdman, que obtivo o premio Grammy.
O Festival pecharase con outra actuación estelar. Cécile McLorin Salvant subirá ao escenario da praza da Ferrería cunha das voce máis destacadas do jazz actual. Foi comparada con Billie Holiday ou con Ela Fitzgerald. Esta artista, segundo apunta José Antonio Ortiz, sorprende e sendo moi nova converteuse xa nunha raíña do jazz.
Durante os seis días de duración do Festival, na Gramola na Praza de Méndez Núñez desenvolveranse Jam Sessions, como xa é tradicional nesta cita co mellor da música. Carme da Silva destacou a importancia de que o Festival Internacional de Jazz sexa gratuíto cando estas actuacións no Festival de Vitoria alcanzan prezos de ata 40 euros. Por este motivo, asegurou, numerosos afeccionados achéganse a Pontevedra procedentes de toda a península e sinalou que os propios músicos atópanse sorprendidos ao poder actuar para numeroso público nun espazo aberto.