Castelao, a pesar de ser unha figura capital da historia das artes en Galicia, non contaba ata o de agora cunha proposta escénica para a infancia. Iso rematou grazas á compañía Culturactiva.
Fixérono cunha obra que recrea a vida do autor cando apenas tiña 8 anos e estaba na súa vila natal de Rianxo. A obra púidose ver este domingo en Pontevedra no ciclo Domingos do Principal.
O espectáculo, que encheu o patio de butacas do teatro pontevedrés, presentou a un Castelao divertido, feliz, alegre e aventureiro, protagonizando unha persecución polas rúas de Rianxo nas horas previas á súa partida cara á Arxentina, canda súa nai.
E mesmo antes, da man de Baltasara, comeza un percorrido trepidante coa urxencia que o inmediato da partida garante.
Queda pouco tempo, as horas antes de embarcar escorregan entre os dedos e a ausencia do neno da casa familiar farase notoria para Xoaquina.
A obra conta con texto de Paula Carballeira, dirección de Fina Calleja e sitúa ás actrices Mónica Camaño e Cris Collazo en escena.
A próxima cita con Domingos do Principal será o próximo 3 de novembro coa obra Estación Paraíso, da compañía andaluza La Maquiné.
É a historia de amor dunha vella que desafía con valentía, humor e tenrura os límites da súa memoria para reunirse co amor da súa vida.
Esta obra de monicreques, teatro xestual, maxia e música é un dos espectáculos infantís máis premiado dos últimos anos e obtivo dúas nominacións aos Premios Max de teatro en 2023.
