Carlos Valle, sobre 'Meu Pontevedra': "Despois destas exposicións nace un Castelao distinto"

Pontevedra
02 de agosto 2016

A exposición 'Meu Pontevedra', que desde o 27 de xuño mostra no Sexto Edificio do Museo Provincial escritos, debuxos, ilustracións e pinturas de Castelao entre 1916 e 1936, recibiu este martes a visita da presidenta da Deputación e o director do Museo para dar a coñecer que, dado o seu éxito, as visitas guiadas ampliaranse ata o 11 de setembro 

Carmela Silva, Carlos Valle e os comisarios da exposición visitan 'Meu Pontevedra' Cristina Saiz

A exposición 'Meu Pontevedra', que desde o 27 de xuño mostra no Sexto Edificio do Museo Provincial escritos, debuxos, ilustracións e pinturas de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao entre 1916 e 1936, superou o mes de apertura ao público, pasou a barreira dos 4.300 visitantes e colle un novo púo coa ampliación das visitas guiadas ata o próximo 11 de setembro. É un balance máis que satisfactorio para os seus promotores e un fito para o director do Museo, Carlos Valle, que afirmou, que non opinado, que "despois destas exposicións nace un Castelao distinto". 

Valle visitou este martes a exposición acompañado pola presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, e polos dous comisarios da mesma, pero antes, en declaracións aos medios de comunicación, destacou todos os datos e o material de Castelao existente nos fondos do Museo e sen o que "dificilmente se podería facer un conxunto tan intenso, tan extenso, de tanta transcendencia como o que aquí se concreta". Para facelo posible, agradece o traballo de todo o equipo desta exposición, de todo o persoal do Museo, pero tamén de todos os que estiveron na institución cultural desde a súa fundación. 

O 30 de decembro de 1927 asinouse o documento fundacional do Museo Provincial de Pontevedra, no que figuraba como fundador o propio Castelao, e a esa data remontáronse os agradecementos de Carlos Valle, que fixo extensivo a todos quen desde aquela data "fixeron posible que o Museo de Pontevedra sea o que é e, sobre todo, como é".. Sen eles "non sería posible" esta exposicion nin todas as actividades asociadas. 

Ás actividades referiuse Carmela Silva, que lembrou que este ano 2016 conmemóranse tres efemérides relacionadas con Castelao: o centenario da súa chegada á cidade de Pontevedra, o 75 aniversario da estrea de Os vellos non deben de namorarse e que o Día dás Artes Galegas dedícaselle ao polifacético artista. E que o Museo está a ser o centro deste gran recoñecemento a través das exposicións ' 'Castelao artista. Os fundamentos do seu estilo. 1905-1920' e 'Meu Pontevedra'.

Pero este ano tan especial ao redor da figura de Castelao non se limita ao Museo e á cidade de Pontevedra, senón que se ofertaron aos 62 concellos da provincia actividades relacionadas cun amplo abanico de disciplinas artísticas como o teatro, a música, a banda deseñada ou a preservación do patrimonio que "queren servir tamén para visualizar o que hoxe está a acontecer no mundo da cultura galega".