Carlos Núñez e os coros universitarios dan moito máis ca un concerto no Pazo da Cultura​​​​​​​

Pontevedra
22 de decembro 2024

O gaiteiro estivo acompañado polo Coro e a aula de Música Tradicional do campus de Pontevedra e contou coa participación do obradoiro de baile tradicional galego e do Coro Polifónico do campus

Carlos Núñez presenta 'Celtic Sea. A Travesía' en Pontevedra

O Pazo da Cultura de Pontevedra rendeuse este sábado a Carlos Núñez, que chegou á cidade dentro da súa xira internacional 'Celtic Sea. A Travesía' e estivo acompañado polos coros do campus universitario. 

O propio músico presentou o concerto esta semana en Pontevedra avanzando que sería "algo máis que un concerto, unha creación". E todos os espectadores que se achegaron ao Pazo da Cultura puideron comprobalo. 

Parte da maxia que se viviu foi grazas á participación do Coro e a aula de Música Tradicional do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, que interpretaron co músico seis cancións.

Dirixida polo músico Suso Vaamonde, a aula de música tradicional creouse en 2016, está integrada a día de hoxe por 40 persoas de diferentes idades e xa realizara no ano 2021 unha primeira colaboración nun concerto de Carlos Núñez. 

Tamén subiron ao escenario os integrantes do obradoiro de baile tradicional galego, dirixido pola integrante de Leilía Montse Rivera e que conta a día de hoxe con 30 participantes, e as persoas do Coro Polifónico do campus, unha formación integrada por 34 persoas de diferentes idades e dirixida por Luisa Sánchez.

O músico vigués levou o seu último proxecto a lugares emblemáticos como a catedral St. Patrick's de Dublín, o Glasgow National Concert Hall, ao Festival Interceltique de Lorient, a illa de Tatihou en Normandía ou o Kaufman Music Center de Nova York.

Trátase dun traballo de mestizaxe musical, no que colaborou coa compañía Brittany Ferries.