'Cando sopra o vento' na versión en galego preséntase no Principal

Pontevedra
24 de maio 2024

Esta obra de Raymond Briggs publicouse nos anos da Guerra Fría entre os Estados Unidos e a URSS. A historia relata un ataque nuclear. Retranca Editora ofrece agora unha edición especial do cómic en versión galega, que foi presentada este xoves no Teatro Principal coa presenza dos debuxantes Kiko da Silva e de Miguelanxo Prado

Kiko da Silva e Miguelanxo Prado
Kiko da Silva e Miguelanxo Prado / Mónica Patxot

Este xoves 23 presentábase no Teatro Principal unha obra de cómic de gran repercusión nas últimas décadas.

Trátase de'Cando sopra o vento' (When the Wind Blows), de Raymond Briggs, un traballo publicado nos anos da Guerra Fría, en pleno enfrontamento entre os Estados Unidos e a Unión Soviética. 

O perigo de que se desencadease un ataque nuclear motivou a creación desta obra icónica.

Retranca Editora realizou o esforzo de traducir o traballo orixinal nunha edición especial en lingua galega e convértese nun punto de referencia de cara á celebración do Festival BDra Gráfica que desenvolverá o Concello de Pontevedra no mes de xuño

A presentación contou coa proxección da película homónima de animación e cun coloquio entre os ilustradores Kiko da Silva, editor de 'Cando sopra o vento', e Miguelanxo Prado sobre a relevancia do autor nado en Wimbledon e do que supuxo este cómic antibelicista principalmente nos anos 80.