Caldas será a primeira sede en Europa dunha exposición sobre a viaxe de Magallanes e Elcano

Umia
26 de xullo 2021

A exposición é unha produción do Centro Cultural Reyes Católicos de Bogotá e instalarase no Auditorio de Caldas de Reis o 11 de novembro para a continuación seguir o seu percorrido por diversas localidades de España e Francia

Visita a Caldas de Reis dunha delegación do Centro Cultural y Educativo Español Reyes Católicos de Bogotá Concello de Caldas de Reis

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, e os concelleiros Manuel González e María López recibiron este luns no Salón de Plenos a unha delegación do Centro Cultural y Educativo Español Reyes Católicos de Bogotá para concretar os detalles dunha exposición itinerante sobre o 'V Centenario da Circunnavegación de Magallanes e Elcano (1519-1522)', que iniciará o seu percorrido por España e Francia en Caldas de Reis.

A exposición é unha produción do propio Centro Cultural Reyes Católicos, que irá acompañada de talleres didácticos, visitas guiadas e dun curso homologado de formación para o profesorado. Inaugurarase no Auditorio de Caldas de Reis o 11 de novembro e permanecerá ata finais dese mesmo mes. A continuación percorrerá diversas localidades de España e Francia.

O xefe de departamento do Centro Cultural Reyes Católicos, Pablo Pineda, destacou que "a proposta de iniciar esta exposición en Caldas de Reis está vinculada ás colaboracións previas establecidas co Concello nas homenaxes ao científico ilustrado Francisco José de Caldas, o 'Sabio Caldas', unha figura moi querida en Colombia". Neste sentido tamén anunciou que o director do Centro Cultural Reyes Católicos, Luis Miguel Marín de Oliveira, ten previsto asistir á inauguración da exposición co obxectivo de seguir traballando en outros proxectos de intercambio co Concello de Caldas de Reis.

O alcalde, Juan Manuel Rey, agradeceu que esta importante exposición sexa inaugurada en Caldas de Reis, e puxo en valor "o esforzo do Ministerio de Educación e da Embajada Española en Colombia por impulsar en Bogotá un centro cultural e educativo de referencia para toda Iberoamérica co que estamos moi satisfeitos de poder colaborar e que nos facilita á súa vez un punto de encontro con diversas institucións colombianas".