Caldas recupera o escenario acuático do Umia con Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e Sés

Umia
23 de xullo 2024

Así o destacou o responsable municipal de Cultura, Manuel Fariña, que celebrou poder ofrecer unha programación "de altura" para recuperar a que fora unha das iconas da vila, o escenario acuático sobre o Umia e facer que o río sexa de novo un dos elementos centrais das festas

Concerto de Sés Diego Torrado

Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre (13 de agosto) e Sés (14 de agosto) serán os concertos protagonistas da programación para o escenario acuático do Umia este verán.

Tamén se recuperará a actuación de agrupacións folclóricas coincidindo coa feira tradicional o 11 de agosto, haberá un concerto moi "orixinal, potente e diferente" o 15 de agosto e organizarase o gran combate naval pirotécnico o 16 de agosto. 

Así o destacou o responsable municipal de Cultura, Manuel Fariña, que celebrou poder ofrecer unha programación "de altura" para recuperar a que fora unha das iconas da vila, o escenario acuático sobre o Umia e facer que o río sexa de novo un dos elementos centrais das festas. 

Este escenario fora eliminado hai uns doce anos, "deixando así sen uso un lugar totalmente emblemático para as veciñas e veciños" e suprimindo tamén a programación cultural que alí se facía por parte do Concello.

A programación do escenario acuático do Umia comezará coincidindo coa feira tradicional de Caldas o 11 de agosto, cando participarán agrupacións de baile de Pontevedra, Zaragoza e Chile: Celme, Agrupación Folclórica Usanza e Ballet Folclórico del BioBio, respectivamente.

O 13 de agosto será o concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, unha agrupación na que a percusión de man -a pandeireta- é central e que, con grande éxito, leva realizado máis de 400 concertos deixando pegada en medio mundo. 

Xa o día 14 será Sés a que suba ao escenario acuático, unha muller que arrastra seguidores coa súa música mestura de rock, tradición oral e canción de autor cunha actitude reivindicativa e un discurso valente cargado de carisma e forza persoal.

Para o día 15, o tenente de alcalde promete unha actuación "sorprendente e inesperada" que se anunciará nos vindeiros días, e xa o 16 terá lugar o Gran Combate Naval de Caldas, o tradicional espectáculo pirotécnico das festas.