''Brincadeiras da lingua'', o proxecto lingüístico organizado por Migallas Teatro para os cativos e familia

Pontevedra
22 de febreiro 2021

Acaba de ser publicado o primeiro capítulo da serie “Brincadeiras da lingua”. O proxecto consiste nunha serie de dez ocurrentes programas audiovisuais realizados por Migallas Teatro, que  teñen como obxectivo dar a coñecer a enorme riqueza e diversidade de ditos e recitados infantís da lingua galega

Brincadeiras da lingua Migallas teatro

Ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, acaba de ser publicado o primeiro capítulo da serie “Brincadeiras da lingua”. O proxecto consiste nunha serie de dez ocurrentes programas audiovisuais realizados por Migallas Teatro. Estes programas teñen como obxectivo dar a coñecer a enorme riqueza e diversidade de ditos e recitados infantís da lingua galega, e que acompañan dende hai séculos as brincadeiras da cativada e mais a transmisión familiar da lingua.

Cada capítulo está dedicado a un tipo de ditos conforme a súa función: Caricias no colo, que abrangue dende xogos coas mans, como recitados dialogados, oracións de risas e bromas, así como disparates e trabalinguas. En todos eles, Migallas Teatro anima a gozar practicando estas brincadeiras que foi recollendo ao longo dos anos na páxina web.

Na presentación deste proxecto, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, sinalou "a importancia desta achega ao repositorio de recursos destinados á infancia e á transmisión interxeracional do galego, tanto na familia como no ensino, e que destacamos precisamente estes días con motivo da celebración o domingo 21 de febreiro do Día Internacional da Lingua Materna".

A organización ten previsto ir publicando nas redes sociais da Secretaría Xeral de Política Lingüísitica (Youtube, Facebook e Twitter) os demais capítulos, un por semana cada xoves ás 18:00 horas.

A través desta ligazón podederase acceder ao capítulo 1 de “Brincadeiras da lingua”, así como a máis información sobre a serie.