O Bravú celebra 30 anos bramando "Non chas quero"

Pontevedra
30 de novembro 2024

O auditorio do Pazo da Cultura acolleu, dentro da programación do Culturgal, a celebración das tres décadas do movemento coa proxección do documental Bravú XXX e un concerto da Banda Xangai e das músicas pontevedresas Rager

'Sesión Bravú' no Culturgal Mónica Patxot

"Non chas quero, non chas quero, rabizas do teu nabale, non chas quero, non chas quero, que me poden facer male" é o retrouxo máis coñecido do movemento Bravú, grazas aos históricos Os Diplomáticos de Monte Alto, que alá pola década dos noventa, liderados por Xurxo Souto, ofrecían este hit festeiro e reivindicativo da música popular galega.

Trinta anos máis tarde, o auditorio do Pazo da Cultura, dentro da programación do Culturgar, celebraba tres décadas dun movemento de orgullo identitario. 

O evento, que congregou a veteranos e novas xeracións, incluíu a proxección do documental 'Bravú XXX', producido por Nós Televisión, e un concerto que uniu no escenario á Banda Xangai, liderada tamén por Xurxo Souto, e ás mozas pontevedresas de Rager.

"Un evento único e irrepetible, mesmo subversivo", en palabras de Souto, figura emblemática do movemento. O artista destacou a importancia do diálogo interxeracional que se produciu no escenario, onde "músicos veteranos dialogaron con rapazas de 15 anos".

O documental 'Bravú XXX' recolle a historia deste movemento musical nado nos 90, que mesturou rock con tradicións rurais e realidade urbana, apostando polo galego nas letras.

"Hai unha xeración que non se pode entender sen o Movemento Bravú", afirma Ana Viqueira, guionista e codirectora do filme.

O Bravú xurdiu como expresión propia dos fillos de campesiños e pescadores e da mocidade das barriadas urbanas, congregando a bandas como Diplomáticos de Monte Alto, Os Rastreros, Os Impresentables, Os Herdeiros da Crus e O Caimán do Río Tea, entre outras.

O seu son mesturou influencias do heavy metal coa música tradicional galega, desde as orquestras de verbena ata as pandeireteiras.

Este sábado 30 de novembro continuará a música en vivo cos concertos no Recinto Feiral de Pava (ás 19.00 horas) e de Caamaño&Ameixeiras (ás 20.00 horas) no escenario C. 

Consulta a programación do Culturgal nesta ligazón.