‘Bibopalula’, a primeira serie musical de debuxos en galego

Pontevedra
29 de novembro 2024

Pegui, Carpin, Robin e Merli son catro paxariños, son amigos, son curiosos e son músicos. Xuntos forman A Banda do Bosque e son os protagonistas da nova serie que xa está dispoñible en xabarin.gal

Fotograma da serie musical ‘Bibopalula’ Undodez

Pegui, Carpin, Robin e Merli son catro paxariños, son amigos, son curiosos e son músicos. Xuntos forman A Banda do Bosque e son os protagonistas da nova serie que xa está dispoñible a través de xabarin.gal e das aplicacións para móbiles e televisións intelixentes da Televisión de Galicia.

‘Bibopalula’ busca achegar a música e a nosa lingua as nenas e nenos que se aproximan por vez primeira ao entretemento audiovisual. Mediante pequenas historias, coñecemos os ciclos da natureza, o comportamento das aves, o impacto do home na vida dos animais... e, por riba de todo, o valor da amizade e a capacidade da música para conectar coas emocións.

Creada por Laura Mahía e Andrés Mahía, ‘Bibopalula’ conta as aventuras da pega Pegui, o peto Carpin, o paporrubio Robin e o merlo Merli; quen están acompañados por outros personaxes do bosque como o Señor Moucho, a Cegoña, o Pombo Mensaxeiro ou o Capitán Pelícano.

A Banda do Bosque, formada polos catro amigos, interpreta en cada capítulo unha canción orixinal pensada para asentar nocións de ritmo e melodía nas e nos espectadores primeirizos . Todos os temas foron compostos por Santi Jul e Iván Laxe, músicos con ampla e recoñecida traxectoria no audiovisual galego.

Fotograma da serie musical ‘Bibopalula’Undodez

As voces dos protagonistas desta novidosa proposta póñenas actrices e actores como Marta Lado, Iria Lamas, Marita Martínez, Melania Cruz ou Xosé Antonio Touriñán.

Undodez e a Televisión de Galicia presentan esta nova serie, que é unha das propostas audiovisuais máis ambiciosas para o público infantil das últimas décadas en Galicia e foi creada e realizada na súa totalidade por profesionais e empresas galegas. ‘Bibopalula’ contará na súa primeira temporada con 55 episodios de aproximadamente 5 minutos de duración.

Fotograma da serie musical ‘Bibopalula’Undodez

Os primeiros 20 capítulos da primeira temporada xa están dispoñibles no Xabarín, a plataforma dixital de contidos infantís da Televisión de Galicia, accesible de xeito gratuíto a través da web xabarin.gal ou da aplicación para dispositivos móbiles e televisións intelixentes.

‘Bibopalula’ contará nas próximas semanas cunha unidade didáctica para poder traballar coa música e a lingua nas escolas, actividades que poderán ser completadas coa visita dos protagonistas aos centros educativos.