Benvida musical ao ano co clásico concerto de Aninovo actualizado cun toque de humor

Pontevedra
01 de xaneiro 2025

A Orquestra Sinfónica de Pontevedra estivo dirixida pola batuta da portuguesa Renata Oliveira e contou coa participación especial do cuarteto galego Píscore

Concerto de Aninovo 2025 da Orquestra Sinfónica de Pontevedra Cristina Saiz

O ano non empeza do todo en Pontevedra ata que se celebra o concerto de Aninovo.

Este 2025, a habitual cita do primeiro día do ano encheu o auditorio do Pazo da Cultura de espectadores, de tradición e tamén de novidades.

Así, a Orquestra Sinfónica de Pontevedra complementou o seu habitual programa musical co humor do cuarteto galego Píscore.

Descritoscomo "os Luthiers galegos", este cuarteto interpretou diferentes pezas cunha marimba, cunha dose perfecta de humor e elegancia.

Nesta ocasión, a Sinfónica estivo dirixida pola batuta da portuguesa Renata Oliveira, a segunda directora muller en liderar este concerto. Antes xa o fixo Isabel Rubio.

Oliveira, que xa colaborara anteriormente coa orquestra no ciclo Mulleres e Inspiración, dirixiu un repertorio que combinou música clásica con pezas contemporáneas, incluíndo bandas sonoras e os tradicionais valses e marchas propios destas datas.