A Bela Otero centra a atención na UNED

Pontevedra
04 de novembro 2024

A Bela Otero converteuse nunha icona da Belle Époque e alcanzou sona internacional. Na UNED de Pontevedra presentouse o libro do autor Miguel Ángel Martínez Coello e unha exposición sobre a artista

Presentación do libro 'A Bela Otero' Xunta de Galicia

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na tarde deste luns 4 na presentación do libro 'A Bela Otero' de Miguel Ángel Martínez Coello no centro da UNED en Pontevedra.

Ademais, aproveitando a presentación do libro, tamén se inaugurou unha exposición con postais, imaxes e documentos sobre a vida desta artista galega.

Durante o acto, García destacou o valor da obra pola súa contribución á recuperación da memoria desta figura senlleira, nada en Valga en 1868.

A Bela Otero converteuse nunha icona da Belle Époque e alcanzou sona internacional como bailarina, cantante, actriz e cortesá.

O autor, Miguel Ángel Martínez Coello, artista ourensán nado en 1952, recompilou durante anos unha extensa documentación sobre Agustina Carolina del Carmen Otero Iglesias, coñecida polo alcume de A Bela Otero.

A obra inclúe documentos, postais e testemuños que reflicten a vida desta muller que revolucionou o panorama artístico parisino e europeo.

A exposición, que pode visitarse nas instalacións da UNED en Pontevedra, pretende non só homenaxear a súa figura, senón tamén reflexionar sobre o impacto cultural e artístico que tivo no contexto europeo de finais do século XIX e principios do XX.