Baobab Teatro foi a compañía encargada de abrir unha nova edición do ciclo Domingos do Principal. Fíxoo cunha dobre función, matinal e vespertina, dun dos seus espectáculos máis aclamados, Ás para Álex.
O patio de butacas do Teatro Principal volveu a quedar pequeno ante a gran expectación que sempre esperta este ciclo de teatro infantil e familiar.
Ás para Álex, unha obra de teatro de actor e marionetas, narraba a historia de Álex, un neno de 8 anos ao que lle encanta correr, xogar, saír cos amigos, ir ao parque e, sobre todo, xogar ao fútbol. Pero un día, Álex ten que deixalo todo, porque o seu corpo non contesta, non camiña.
Iso fai que se enfade co mundo ao non entender que é o que lle pasa. Está tan absorto na súa situación que deixa de mirar á súa ao redor, ata que un día Laura aparece no seu camiño, e sen pedir permiso pero con moito coidado e agarimo entra de cheo na súa vida para cambiar a súa mirada.
A seguinte cita con Domingos do Principal, o próximo 22 de outubro, será co espectáculo Nube nube, unha montaxe da compañía murciana Periferia Teatro.