Autores e editores de Brasil, Portugal ou Angola estarán no Salón do Libro máis lusófono da historia

Pontevedra
04 de marzo 2019

O Salón do Libro volve ser, un ano máis, unha "fiestra aberta ao mundo" e servirá como un "punto de encontro" entre culturas. Nesta ocasión, apostará por un idioma irmán do galego: a lusofonía. Unha delegación de 23 profesionais chegados de Brasil, Portugal, Angola, Cabo Verde ou Mozambique participarán nun evento que cumpre vinte anos

Algúns dos autores lusófonos que estarán no Salón do Libro PontevedraViva

O Salón do Libro volve ser, un ano máis, unha "fiestra aberta ao mundo" e servirá como un "punto de encontro" entre culturas. Nesta ocasión, apostará por un idioma irmán do galego: a lusofonía. Unha delegación de 23 profesionais chegados de Brasil, Portugal, Angola, Cabo Verde ou Mozambique participarán nun evento que cumpre vinte anos.

A escritora Marina Colasanti, os ilustradores André Neves, Ana Biscaia, Alfonso Cruz ou o Premio Andersen Roger Mello, a narradora Benita Prieto ou o mediador Volnei Canónica serán algúns dos persoeiros que participarán activamente na programación do salón.

O programa contará tamén con brasileiros afincados en Pontevedra como os músicos Sergio Tannus e Gustavo Almeida, o editor Wladimir Vaz ou Amelia Andrade, que impartirá obradoiros de gastronomía lusófona.

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, presentou este luns acompañada de Eva Mejuto, a directora do salón, a programación que representará a cultura convidada. Destacou que o Concello vía "importante" apostar pola lusofonía nun momento de "retroceso" de falantes de galego tras una "década negra" por culpa das administracións "que debían velar polo idioma".

Na inauguración do salón, avanzou Fouces, estará o embaixador de Brasil en España, Pompeu Andreucci Neto, e o Ministerio de Cultura de Portugal e o Instituto Camoes farán tamén achegas económicas, o que contribuirá a que esta "escolma do máis granado" da cultura lusófona sexa "aínda máis potente do que foi con México o ano pasado".

Todos eles participarán en presentacións de libros, sesións de contacontos, exposicións ou no congreso de mediación lectora e, ademais, haberá concertos do portugués Joao Afonso e dos brasileiros Gustavo Almeida e Sergio Tannus, obradoiros infantís de gastronomía lusófona ou un espazo gastro-literario que servirá petiscos vencellados con esta cultura.

Eva Mejuto, pola súa banda, destacou que o salón mantén o seu espírito de chegar a todos os recunchos da cidade polo que as librarías contarán con contacontos, workshops, obradoiros de ilustración, presentacións de libros ou recitais poéticos e 60 establecementos hostaleiros fusionarán a gastronomía do país coa cultura convidada.

Ademais, o Sexto Edificio do Museo acollerá ata finais de abril unha exposición retrospectiva sobre a ilustración portuguesa nos últimos corenta anos; o Cineclube Pontevedra ofrecerá no Teatro Principal varias proxeccións de películas lusófonas e haberá actividades conxuntas con programas municipais como a Sétima Feira, O Ganapán ou Pinto e Maragota.

Deste xeito, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil, segundo Mejuto, continúa coa idea de "invadilo todo" e encher a cidade de actividades que fagan que a experiencia sexa "enriquecedora" para toda Pontevedra, "especialmente nesta edición na que cumprimos 20 anos".