Atlantic Fest 2024, escenario para a celebración do trinta aniversario de Los Planetas

O Salnés
03 de febreiro 2024

O festival vai celebrarse os días 19, 20 e 21 de xullo na Praia da Concha de Vilagarcía de Arousa e será unha oportunidade para escoitar a Los Planetas, unha das bandas lendarias do indie español, cando se celebran tres décadas da publicación do seu primeiro álbum 'Super 8'

Concerto de Los Planetas Diego Torrado

Do 19 ao 21 de xullo, a Praia da Concha de Vilagarcía de Arousa volverá ser o punto de referencia da música en Galicia, grazas á celebración do Atlantic Fest 2024, un festival que combina natureza, música e unha contorna familiar.

A organización sinala que volverá establecerse como zona de acampada o Cámping Río Ulla, con autobuses gratuítos para os desprazamentos ata o recinto de celebración do festival.

Nesta cita,Los Planetas, unha das bandas máis representativas do indie español, celebrará os trinta anos da publicación do seu primeiro álbum, titulado 'Super 8'.

A organización avanza que o grupo granadino ofrecerá os temas en directo: De viaje, Qué puedo hacer, Si está bien, 10.000, Jesús, Estos últimos días, Brigitte, Rey Sombra, Desorden e La caja del diablo.

As entradas para o Atlantic Fest poñeranse á venda o venres 9 de febreiro ás 09.00 horas a través da web www.atlanticfest.com ao prezo de 40 euros só durante as primeiras 24 horas. Os menores de 12 anos terán acceso gratuíto ao recinto.