Queridos lectores, ante todo, moi feliz ano! Hoxe vouvos falar dunha "Pop-up store" que elixiu a cidade de Pontevedra para asentarse durante os seus escasos pero frutíferos días de vida. E que é unha "pop-up store", preguntarédesvos algúns. Trátase dun establecemento efémero que busca non só vender senón tamén achegar algo diferente ao público durante a breve tempada na que está operativo.
O autor deste espazo, o artista Alberto Gulías Sanmartín, abriu no número 10 da rúa Padre Luis María Fernández, unha auténtica exposición de arte con obra de verdadeiros baluartes da creación -incluídas pezas da súa propia autoría-, con mobles antigos, escultura, pintura..., que conxuga con complementos vintage de firmas de luxo e/ou de países remotos. Toda unha novidade na nosa cidade que, ademais, está a ter unha resposta do público máis que notable. Xa sabedes, o que é diferente sempre tíranos.
Neste espazo ecléctico encontraredes un pouco de todo: obxectos de decoración, accesorios... Cada peza ten un interese particular e mesmo unha historia detrás.
Pantalla dunha das lámpadas de Alberto Gulias Sanmartin.
Un dos famosísimos osiños de dEmo a quen tiven a sorte de coñecer persoalmente o ano pasado en Madrid. Unha das esculturas que máis interese esperta.
Aquí, á parte de arte actual, poderedes ver e comprar clásicos como Laxeiro, Seoane ou Colmeiro, e arte galega de vangardas, moderna e contemporánea como María Antonia Dans, Eugenio Granell ou Manuel Torres, entre outros.
Un fantástico Eugenio Granell catalogado.
Boa oportunidade para facerse cun bonito María Antonia Dans.
Un obxecto de culto, parella de cans de porcelana Stafforshire. Existen varias parellas en perfecto estado.
Entre a súa non pouca abundante clientela encóntranse coleccionistas de arte, amantes do "vintage" xa sexa un moble ou un bolso de firma, e afeccionados a obxectos curiosos irrepetibles que só se poden encontrar en establecementos como este. Pero non vos asustedes, hai cousas de todos os prezos, formas e cores. Iso si, todas teñen un denominador común: son perdurables no tempo, constitúen un bo investimento e pasaron o control dos auténticos entendidos na materia.
Unha das pezas estrela, o retrato do Conde de Gondomar, don Diego Sarmiento de Acuña, por Johann Priwitzer do século XVII.
A exclusividade está en voga!
Como colofón a sorprendente obra do propio Alberto Gulías Sanmartín, "expresionismo rico en texturas" como el o define, e que agora se expón e vende en forma de cadros, mobles, e esculturas que xa percorreron medio mundo: Paris, Londres, Miami, Istanbul, Marbella, Roma, Madrid, Sao Paulo... entre outras importantes cidades.
Por se fose pouco, recórdovos que as que somos adictas ao vintage de luxo, temos nesta "pop-up store" a posibilidade de adquirir bolsos e outros accesorios de Fendi, Celine, Louis Vuitton, a bo prezo, xunto con complementos e quimonos xaponeses cuxas peculiaridades e refinada confección non deixan de sorprender.
Bolsiño da firma italiana Fendi.
Unha boa oportunidade para facerse con complementos de firmas que non se venden habitualmente aquí.
Bolsos xaponeses.
Detalle do Shibori, unha laboriosa e fascinante técnica de tinguidura milenaria que consegue estampados así de marabillosos.
Como conto comentarvos que ata o Museo de Pontevedra mostrou interese nalgunhas das pezas máis relevantes desta singular "Pop-upstore". Non vola perdades! Quedan poucos días, ata o 30 de xaneiro, para visitar este fabuloso museo temporal e son xa moitas as pezas vendidas e que cada día encontran unha casa onde iniciar unha nova vida. Particularmente, faríalle sitio a unhas cantas e prometería mimalas o tempo que estiveran comigo. E é que, non só de rebaixas vive o mes de xaneiro.
Falando con Alberto Gulías Sanmartin, non vos imaxinades o que se aprende de arte!
¡Bicos, apertas e felices compras!