Así loce Pontevedra na webserie 'Doc Way' sobre o Camiño de Santiago portugués

Pontevedra
11 de decembro 2020

A presentadora Cristina Maró camiña pola variante do interior e pola da costa para facer o percorrido de 120 quilómetros a pé entre as localidades de Tui e Santiago de Compostela. A peregrina cruza a ponte do Burgo e o centro histórico de Pontevedra durante esta proposta visual que se difunde por redes sociais

Cristina Maró, con esclerose múltiple, camiña polo centro histórico Quemasver

A webserie 'Doc Way' é un documental que protagoniza a presentadora Cristina Maró para poñer en valor en redes sociais o Camiño portugués a Santiago de Compostela. A peregrina, que ten esclerose múltiple, realiza o percorrido de 120 quilómetros a pé que separan Tui da capital de Galicia.

Este traballo audiovisual ofrece tanto a variante costeira que empeza na Guarda, pasando por Oia, Nigrán, Vigo e Redondela; como a variante interior do roteiro Xacobeo. Ao longo da  webserie obsérvanse imaxes aéreas, a través da gravación dun dron, da desembocadura do Miño, a Enseada de San Simón ou a costa do Baixo Miño.

A protagonista, coa súa mochila ás costas, percorre tamén o traxecto ao seu paso pola cidade de Pontevedra, cruzando a ponte do Burgo e algunhas das rúas máis características do centro histórico.

A rodaxe da webserie tivo que executarse en dúas fases debido ao parón provocado polo Estado de Alarma en marzo.  Maró foi compartindo en redes sociais cos seus seguidores o que supoñía para ela realizar o Camiño, todo un reto de superación na súa carreira. O seguinte paso previsto é realizar o percorrido gravándoo desde O Porto cunha produtora do país veciño. En 2021, está previsto que realicen a Vía da Prata que percorre Ourense ata chegar a Santiago.

A serie pode verse desde a canle de Youtube de Quemasver e nas Redes Sociais de Doc Way en Facebook e Instagram