Así é Novos Valores 2020, unha aposta pola xente nova e pola calidade fronte á cantidade

Pontevedra
15 de outubro 2020

O Museo de Pontevedra abriu este xoves a mostra cunha benvida do vicepresidente da Deputación, César Mosquera e o director Xosé Manuel Rey

Apertura da mostra "Novos Valores 2020" Deputación de Pontevedra

A exposición temporal derivada do Certame Novos Valores 2020 abriuse este xoves ao público no Museo de Pontevedra onde permanecerá aberta ata o vindeiro 15 de novembro coas propostas de 21 artistas emerxentes entre as que están as obras das catro persoas bolsadas: Andrea Dávila Rubio, Nuria Rodríguez Figueiredo, María del Mar Ramón Soriano, e Alejandro Rego Díaz.

No acto, no que estiveron presentes as artistas seleccionadas polo xurado para a exposición, o vicepresidente César Mosquera, a concelleira Carme Fouces e o director do Museo Xosé Manuel Rey, este último quixo lembrar a tradición do certame como "mecenado e apoio á formación artística que a Deputación de Pontevedra vén desenvolvendo desde finais do século XIX, e da que se beneficiaron con anterioridade extraordinarios artistas como Sobrino, Souto, Torres, Colmeiro ou Laxeiro... e máis recentemente Lamazares, Patiño ou Silverio Rivas".

Destacou Rey que "gozar dunha bolsa desta contía, e expor no Museo de Pontevedra é un orgullo e un privilexio", motivos polos que xustificou os cambios que tiveron as bases da convocatoria deste ano. Subliñou que se limitou a idade de participación a un máximo de 35 anos para reforzar a vertente máis formativa, de aprendizaxe e de proxección das novas creadoras.

Así mesmo, Rey fixo fincapé en que outro dos obxectivos era o de "primar a calidade fronte á cantidade" polo que se reduciu a obra seleccionada para a mostra a un máximo de 25 propostas o que, ao tempo, "redunda nunha montaxe expositiva máis atractiva e potenciadora das obras seleccionadas".

Neste sentido, fixo unha chamada de atención sobre o feito de que nesta ocasión o xurado tan só seleccionou 21 obras, algo que dixo, debe ser entendido polas persoas participantes nos vindeiros anos.

O director do Museo lembrou que o certame celebrouse baixo unhas condicións moi especiais que se deixaron sentir de forma clara en moitas das obras presentadas: "A sensación de fraxilidade ante a pandemia, a presencia da dor, a renuncia á universalidade e unha volta ao próximo, a revalorización do traballo artesán, a reciclaxe e a necesidade de aproveitar os limitados materiais existentes na casa", destacou.

Porén, pese a esas limitacións, transmitiu a satisfacción do xurado coas obras seleccionadas "e o seu recoñecemento da existencia de notables traxectorias profesionais que xa comezan a agromar".

Pola súa parte, o vicepresidente Mosquera quixo ensalzar a súa admiración e recoñecemento polas persoas que se dedican ao mundo das artes, un mundo que cualificou de "case sobrehumano".

Destacou que ‘Novos Valores’ é un alicerce para potenciar as habilidades da xente moza, destacando que as administracións públicas deben facer os máximos esforzos por axudar ao sector da creatividade. "No eido artístico non é fácil sobrevivir sen o impulso das administracións, e por iso sostemos o Museo e este tipo de iniciativas", subliñou, ao tempo que deu os parabéns ás artistas premiadas coa bolsa.

As artistas gañadoras participaron da apertura da mostra no día de hoxe explicando brevemente a súa obra e tamén os obxectivos aos que destinarán a bolsa con 7.500 euros para a ampliación dos seus estudos artísticos, que as obrigará dentro dun ano a participar noutra nova exposición no Museo amosando o resultado do seu traballo.