As xornadas sobre o Entroido de Galiza apostan pola recuperación da figura do Labrego de Marcón

Pontevedra
14 de febreiro 2015

As xornadas, que chegan a súa terceira edición, van celebrarse no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) os días 27 e 28 de febreiro e contarán cunha exposición con fotos, colección de traxes e mostra de diferentes instrumentos musicais empregados nesta festa

III Xornadas sobre O Entroido de Galiza Sociedade Antropolóxica Galega SAGA

O Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) será o espazo que acolla as III Xornadas sobre o Entroido de Galicia o 27 e o 28 de febreiro organizadas pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Durante a edición deste ano destaca a presentación do libro A danza dos labregos. Estudo do Entroido de Marcón, un estudo realizado polo etnógrafo Xosé Anxo Rosales, que na presentación das xornadas explicou a importancia da figura dos labregos, personaxes desta festa en Marcón que levaban un traxe branco, un estoque, un mantón e un sombreiro cónico para danzar fronte a un boneco ao ritmo das bucinas.

Rosalese o responsable das xornadas, Rafael Quintás, sinalaban a necesidade de rescatar este personaxe da memoria e intentar volver facelo realidade na parroquia de Marcón e no Entroido de Pontevedra.

As xornadas do Entroido de Galicia contarán coa participación de diversos expertos que analizarán o entroido en lugares como Campañó, coa Corrida da Rosca; Laza; Viana do Bolo; Ulla ou Limia. O encontro finalizará coa actuación de Carmen Gallego e César Loureiro o sábado 28 a partir das 21.15 horas.

Ao mesmo tempo manterase aberta unha exposición na que se inclúen 40 fotografías dos diferentes carnavais que se celebran en Galicia e unha mostra de traxes con peliqueiros, volantes, o merdeiro de Vigo, pantallas de Xinzo ou madamas e galáns de Cobres. Ademais expoñeranse diferentes instrumentos musicais, máscaras e outros obxectos que se empregan nestas festas.

Arquivado en