A Praza do Mosteiro de Poio acolleu este mércores unha nova acción do programa da Deputación de Pontevedra "Violencia Zero" que protagonizaron as artistas Margarida Mariño e Laura Iturralde.
Mariño e Iturralde ofreceron a peza 'As voces da conciencia' que, a través da música, escenas sonoras, videocreación e iluminación, convidou á reflexión da sociedade ante a violencia de xénero.
A deputada de Igualdade, Sandra Bastos amosou o compromiso da Deputación na consecución da igualdade como "reclamación irrenunciable" e instou a "unir as nosas voces" e traballar de xeito colectivo para acadala, "porque así seremos capaces de construír un mundo mellor para as mulleres e tamén para os homes".
Ao acto asistiu o alcalde de Poio, Ángel Moldes e membros da corporación local.
Na peza multidisciplinar as artistas buscaron acadar una conciencia colectiva que consiga rematar con esta lacra.
Margarida Mariño é licenciada no Conservatorio Superior Liceu de Barcelona. A súa traxectoria salienta por explorar os límites do violoncello con xéneros como o jazz, música experimental, electrónica ou música tradicional galega. Foi integrante da Orquestra Ressonance (Suiza), La Via dei Concerti (Italia) ou a Filharmonía de Galicia, e compuxo música para o cine, como a banda sonora das curtas 'Puzzle' e 'Unha Illa no medio do mar'.
Laura Iturralde é técnica en Imaxe e en Gráfica Publicitaria e titulada superior en Arte Dramática na especialidade de Escenografía. Nos seus traballos destaca a dirección artística de presentación de 'Terra' de Tanxugueiras no festival de Benidorm. Conxuga a docencia co traballo como iluminadora, escenógrafa e videocreadora con artistas ou compañías do talle de Mercedes Peón, Brigitte Vasallo ou o Centro Dramático Galego. Recibiu os premios María Casares á mellor escenografía polo seu traballo en 'Resaca' e á mellor iluminación por 'Invisibles', 'O Empapelado Amarelo' e 'Bailar Agora'.