As Ruínas de San Domingos estrearán unha ópera electrónica en galego e con perspectiva de xénero

Pontevedra
06 de xuño 2022

O compositor galego Iago Hermo asina a música orixinal e o libreto dunha creación que contará coa soprano Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes Castelo

Equipo de 'Papaguena' ButacaZero

A compañía ButacaZero, dirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, estreará o vindeiro mes de setembro 'Papaguena'. A nova creación é unha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica. 

A compañía deu a coñecer este luns o proxecto durante a sesión de presentacións rápidas, estilo pitching, celebrada no mercado de artes escénicas Galicia Escena PRO.

'Papaguena' é unha ópera electrónica do compositor galego Iago Hermo inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre A frauta máxica, de Wolfgang Amadeus Mozart. 

A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outros estereotipos presentes no mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato, o vestiario ou a escenografía, que non contará con elementos analóxicos e se baseará no espectralismo minimalista. 

Avanzan os seus creadores que o resultado será "un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo". O reparto contará coa soprano Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes Castelo; mentres que a música electrónica orixinal é do propio Hermo. Ana Arteaga (escenografía) e Diego Valeiras (vestiario) completan o equipo técnico.

A estrea de 'Papaguena' chegará o 10 de setembro nas ruínas do convento de San Domingos en Pontevedra. Será o inicio dunha pequena xira no marco da programación cultural 'Con-fiando' da Deputación de Pontevedra, que levará a ópera ata localidades como O Grove (24 de setembro), Caldas de Reis (9 de outubro) ou Bueu (19 de novembro).