'As pitas baixo a choiva', próxima obra no ciclo Domingos do Principal

Pontevedra
04 de outubro 2022

O espectáculo de Teatro Ghazafelhos vai ofrecerse nun dobre pase ás 12.00 e ás 18:30 horas do vindeiro domingo 9 de outubro na programación dos Domingos do Principal de teatro infantil e familiar que organiza o Concello de Pontevedra, coordinado por Teatro Akatro

"As pitas baixo a choiva", de Teatro Ghazafelhos Teatro Ghazafelhos

Este domingo 9 de outubro chegará un novo espectáculo ao ciclo familiar Domingos do Principal, que comezaba este 2 de outubro.

A compañía Teatro Ghazafelhos será a encargada de representar 'As pitas baixo a choiva' no Teatro Principal nunha dobre función, ás 12.00 e ás 18.30 horas, con entradas que xa se poden adquirir en Ataquilla.com ao prezo de catro euros.

Esta montaxe ofrece unha divertida adaptación do conto homónimo do autor Ricardo Carvalho Calero coas interpretacións de Montse Piñón, Jorge Casas, Pepablo Patiño e Pablo Sánchez.

Ao longo da obra, as protagonistas da historia, Ludivina e Tereija, que viven nun curral, agardan a visita de Ricardiño, o neno que xoga con elas en ocasións. O mal tempo provocará nelas o seu temor a perderse nunha xornada de xogo e deciden poñerse en contacto co Galgo Chafarís e o raposo Rosende para buscar solucións.

A montaxe dura cincuenta minutos e está destinado a público maior de cinco anos. O texto teatral e a dirección corren a cargo de Pepablo Patinho.