O Museo de Pontevedra celebrou o 18 de maio, Día Internacional dos Museos, levando a arte a persoas que teñen dificultade para achegarse aos seus edificios.
As reproducións de dez pinturas galegas da primeira metade do século XX que forman parte da exposición permanente do Edificio Castelao chegaron á Residencia da Terceira Idade de Campolongo, onde arredor de medio cento de persoas usuarias se achegaron a estas creacións artísticas e foron convidadas a interpretar e intercambiar opinións arredor das pezas.
A actividade SanArte estivo dirixida pola consultora en sostenibilidade Saleta González Pimentel de Equilátero DSC e pola formadora en Interpretación do Patrimonio, Isabel Fernández Domínguez.
Algunhas das obras presentes na escolma deron pé a que as persoas maiores lembrasen traballos que realizaban na súa mocidade, como ‘Lavandeiras de Pontevedra’ (1904), de Eliseo Meifrén, ou ‘Recollendo algas’ (1903), de Serafín Avendaño. Pero tamén serviron para traer ao presente momentos de lecer, como o representado por Fernando Álvarez de Sotomayor en ‘Festa galega’ (1917).
Xunto a estas, na escolma figuran paisaxes como ‘Valdoviño’ de Imeldo Corral e ‘Pontevedra. Santa María desde a Caeira’ (1929), de Carlos Sobrino Buhigas, ou escenas costumistas como as recollidas en ‘Estampa (mercado)’ (1927) de Carlos Maside e ‘O Pegureiro durmido’ (1941), de Manuel López Garabal, que serviron de punto de partida para conversas arredor da biodiversidade como fonte de saúde, das boas prácticas para un futuro máis sostible e de como evolucionou a través do tempo a relación do ser humano co seu entorno.
As persoas participantes amosaron a súa satisfacción coa actividade e algunhas incluso se atreveron a mostrar as súas propias creacións como afeccionadas á pintura.
Agora as reproducións permanecerán durante tres semanas na Residencia da Terceira Idade de Campolongo. A intención do equipo de Educación do Museo é que posteriormente a exposición itinerante de reproducións chegue a outros espazos onde se atopan persoas maiores en risco de illamento social.