As Letras Galegas recordarán á poeta e tradutora Xela Arias en 2021

Pontevedra
23 de decembro 2020

Xa coñecemos o nome da autora que será homenaxeada en 2021 co Día das Letras Galegas. Trátase da poeta e tradutora lucense Xela Arias, una muller que na súa traxectoria estivo vencellada coa cidade de Pontevedra, na que traballou como docente

Xela Arias Real Academia Galega / Lois A. C.

Xa coñecemos o nome da autora que será homenaxeada en 2021 co Día das Letras Galegas. Trátase da poeta e tradutora lucense Xela Arias, una muller que na súa traxectoria estivo vencellada coa cidade de Pontevedra, na que traballou como docente.

Xela Arias é, segundo a Real Academia da Lingua, é autora dunha poesía singular, transgresora, sincera e comprometida. Pero a institución tamén quere recoñecer o seu labor como editora e tradutora, que verteu milleiros de páxinas de clásicos universais ao galego.

Por idade, a poeta de Sarria formou parte dun grupo de poetas que recibirán a homenaxe a través dela: os que renovaron a poesía na década dos anos 80 en temas, estilo e forma. 

A protagonista das Letras Galegas 2021 concibía a poesía como un xeito de indagar e cuestionar a orde das cousas, de describir o que se aprende a ocultar, destacan os académicos. 

A pescuda do eu fonda e reflexiva, a afirmación do corpo feminino, a perspectiva de xénero e a procura de novos espazos para a poesía mediante a recitación ou o diálogo coa fotografía, a música ou a pintura son algúns dos trazos destacados da súa voz como creadora.

Foi autora de catro libros: Denuncia do equilibro (1986), Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003). Todos estes volumes, e mais sesenta e dous poemas publicados en revistas e obras colectivas, foron recompilados en Xela Arias. Poesía reunida (1982-2004), editado pola profesora e crítica literaria María Xesús Nogueira.

Como parte do equipo de Edicións Xerais, onde traballou dende 1980 a 1996, contribuíu ao proceso de fixación da norma do galego. Fíxoo como correctora de estilo e editora, e tamén ao iniciar nos anos 80 un labor pioneiro na tradución, un eido poucas veces recoñecido.

Nos últimos anos da súa vida, tras se licenciar en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa, Xela Arias foi docente en varios institutos galegos, entre eles o Valle-Inclán de Pontevedra.

Ademais, durante esa época tamén prestou a súa voz en mobilizacións cívicas -coma as que se produciron tras a marea negra do Prestige- e tomou sempre posición a favor da lingua galega.