As Letras Galegas e o Día do Cómic centran as propostas da biblioteca en maio

Pontevedra
29 de abril 2021

A Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola acollerá obradoiros, contacontos e centros de interese arredor destas conmemoracións. O centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán, o 12 de maio, tamén terá o seu espazo cunha exposición dunha selección de libros da escritora

Exposición na Biblioteca Pública de Pontevedra Biblioteca Pública Antonio Odriozola - Xunta de Galicia

Durante o mes de maio realizaranse diferentes actividades naBiblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, dependente da Xunta de Galicia cunha axenda que pode consultarse a través da web da biblioteca, onde é posible inscribirse ás diferentes actividades.

O Día do Cómic, que se conmemora o 1 de maio, abre un espazo dirixido ao público de 14 anos en diante cun obradoiro que se desenvolverá os días 7,14, 21 e28 do mes entre as 18.30 e as 20.00 horas.

Durante estas sesións a cargo de Yago García realizarase unha análise sobre a creación dun cómic, centrándose na preprodución, con tratamento do guión, deseño de personaxes e escenarios; a produción, con estudo da zona de traballo e debuxo a lapiz; e o proceso de post-produción, coa utilización da tinta, escaneado e composición de textos.

Tamén se instalará o centro de interese 'Achégate á literatura a través do cómic', que se poderá visitar ata o 15 de maio. Expoñeranse cómics coas biografías de escritores e a adaptación de novelas ao formato de cómic.

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Con motivo desta conmemoración, a biblioteca organiza o taller de creación literaria 'Xogando coas Letras Galegas' no que se elaborarán e ilustrarán poemas a partir de textos de autores galegos. Será para público infantil, entre 6 e 12 anos, na sesión do día 14, entre as 18.00 e as 19.00 horas.

Os menores de 6 anos en diante poderán acudir tamén a unha sesión de contos musicais e ao taller de debuxo Xela Arias, coa realización dunha pequena biografía ilustrada. Esta cita chegará o 21 de maio, a partir das 18.00 horas.

Tamén se establecerán dúas exposicións, unha para o público infantil, denominada Letras miudiñas, con mostra bibliográfica con obras e biografías de intelectuais aos que se dedicou o Día das Letras Galegas; e outro para público xuvenil e adulto co nome de Xela Arias, que analiza a obra da escritora tanto como poeta como na súa faceta de tradutora. Permanecerán abertas ata finais de maio.

OBRADOIROS DE CINEMA E ROBÓTICA

Ademais destas actividades, a biblioteca acollerá o 7 de maio, de 18.00 a 20.00 horas, o taller de cinema con dispositivos móbiles Cinema de peto. Organízase para público xuvenil a partir dos 16 anos. Os participantes realizarán un proxecto audiovisual completo, desde a idea orixinal ata a edición final.

Os escolares de entre 8 e 12 anos poderán participar o 28 de maio, de 18.00 a 19.00 horas nun taller creativo de robótica, para aprender fundamentos básicos de tecnoloxía, fabricando o seu propio robot.

Ademais, o centenario do falecemento de Emilia Pardo Bazán, o 12 de maio, tamén será lembrado cunha exposición para público xuvenil e adulto, coa exposición dunha selección de libros da escritora, que se poden levar en préstamo. Tamén se fai un repaso á súa biografía e bibliografía. Poderase visitar ata o 21 de maio.