O Concello de Soutomaior xa ten todo preparado para celebrar o Día das Letras Galegas e este ano, por primeira vez, incorporan á programación os Xogos da Lingua, unha actividade na que participarán máis de 240 escolares do municipio.
Estes Xogos da Lingua celebraranse o 21 de maio co obxectivo amosar a importancia de falar a lingua galega e de garantir o seu relevo xeracional. O estudantado dos distintos centros iranse dando o relevo dunha antorcha/facho cunha metodoloxía de xogos olímpicos.
O inicio deste Xogos da Lingua terá lugar o 21 de maio ás 9:30 horas en Salgueirón. O alumando participante nesta proba da Escola de Educación Infantil de Romariz e do Colexio Santiago Apóstol parten deste punto ás 10:00 horas cunha antorcha/facho.
A seguinte parada será ás 10:15 horas no IES Soutomaior, onde lle darán a antorcha a ese centro e xuntos percorrerán as rúas de Arcade ata chegar a Talo Río.
Durante o percorrido, irán correndo e andando e haberá múltiples xogos e probas. O estudantado participante terá que ir recadando os premios de cada unha destas probas, que serán pezas dun quebracabezas moi especial que unirán á súa chegada a Talo Río dando como resultado unha imaxe da homenaxeada neste 17 de maio, a escritora Luísa Villalta.
A chegada a Talo Río está prevista sobre as 12:00 horas. Alí, as persoas participantes recibirán unha chapa conmemorativa pola súa participación nos Xogos da Lingua e poderán degustar a súa merenda desfrutando do espectáculo 'Especial con lingua propia' do pallaso Peter Punk.
A programación inclúe actividades durante todo o mes. A primeira será o 15 de maio na biblioteca Luís Seoane. Trátase dunha lectura dramatizada e un obradoiro de escritura creativa sobre Rosalía de Castro e Luísa Villalta de Trémola Teatro.
O xoves 16 de maio ás 21:00 horas chegará ao Multiusos 'Deadpan Karaoke', de Ibuprofeno teatro.
O domingo 19 o protagonista será o teatro con música en directo ‘Supercoroza. Na eira e na lareira’ de Xanela do Maxin, unha cita que terá lugar ás 18:00 horas na Casa da Cultura Rexina Míguez Doval.
O sábado 25 de maio ás 21:00 horas chegará ao Multiusos 'Made in Galicia', de Sechu Sende.
O mércores 29 de maio a programación pecharase cos contacontos en verso con Yolanda Castaño, unha cita que terá lugar ás 18:00 horas na Biblioteca Luís Seoane.
A programación pode consultarse aquí: https://www.soutomaior.gal/wp-content/uploads/2024/04/Axenda-Municipal.pdf