As familias curiosas e os avós contarán con máis papel no Salón do Libro

Pontevedra
03 de outubro 2019

A través da FANPA vai desenvolverse unha escola de lecturas para familias curiosas e en colaboración co Centro da Terceira Idade de Campolongo entrarán en funcionamento as merendas literarias onde escolares e maiores compartirán experiencias lectoras

Clausura do XX Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra
Clausura do XX Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra / Mónica Patxot

Dentro das actividades que programa o Salón do Libro para esta nova edición, que estará dedicada ao humor, inclúense dúas iniciativas: a escola de lecturas para familias curiosas e as memorias literarias.

Carmen Fouces, concelleira de Cultura, presentaba estas propostas este xoves acompañada por Francisco Freire Vila, representante da Federación de asociacións de nais e pais de Pontevedra (FANPA) e por María Teresa Caneda, directora da Residencia de Maiores da Xunta de Galicia en Campolongo.

A escola de lecturas para familias curiosas será un espazo que terá actividade un venres ao mes no Pazo da Cultura coa intención de ofrecer recomendacións a pais e nais para que trasladen o ánimo lector aos menores. Van aconsellarse títulos, ofreceranse libros referenciais para resolver conflitos nas etapas infantís e adolescentes, ensinarase a recitar ou a xestionar unha biblioteca familiar, entre outras actividades.

O primeiro encontro será o 28 de outubro, de 17.30 a 19.30 horas, nas dependencias do Pazo da Cultura. Tamén haberá servizo de ludoteca para nenos maiores de dous anos para o que será necesario inscribirse no correo [email protected]

Ao longo de sete sesións coa participación de especialistas como, entre outras, a escritora Eva Mejuto; Luz Gallego, da Librería Seijas ou a psicóloga Dori Martínez.

As merendas literarias, aínda sen data de inicio, serán encontros entre escolares e persoas maiores que son usuarias activas da bibiloteca do centro da terceiraiIdade, coa intención de visibilizar os residentes, segundo explicaba Teresa Caneda. Deste xeito, persoas que seguen a ler en papel compartirán experiencias con nativos dixitais.

Este mesmo xoves, durante a tarde, haberá un encontro do club de lectura coa escritora vilagarciana Susana Sánchez Arins na cafetería das instalacións deste centro de Campolongo.