As dúas visitas de Lorca a Pontevedra, protagonistas desta semana no Museo

Pontevedra
21 de outubro 2019

Federico García Lorca visitou Galicia catro veces, a primeira en 1916 e as outras tres en 1932, e en dúas desas ocasións estivo en Pontevedra. Esta relación do poeta e dramaturgo andaluz coa comunidade galega e coa cidade do Lérez está documentada e estudada por especialistas, pero é pouco coñecida pola maioría da poboación 

Presentación das actividades do Día de Lorca en Galicia no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra

Federico García Lorca visitou Galicia catro veces, a primeira en 1916 e as outras tres en 1932, e en dúas desas ocasións estivo en Pontevedra. Esta relación do poeta e dramaturgo andaluz coa comunidade galega e coa cidade do Lérez está documentada e estudada por especialistas, pero é pouco coñecida pola maioría da poboación, de maneira que esta semana será obxecto dunha completa programación no Museo Provincial. 

Unha ruta, contacontos ilustrados e unha conferencia centrarán a programación de 'Pontevedra, cidade lorquiana' no Sexto Edificio do Museo, organizada con motivo do Día de Lorca en Galicia

O director do Museo, José Manuel Rey, detallou este luns a programación, que na súa maior parte correrá a cargo dos integrantes de 'Polo Correo do Vento'. Carlos Taboada e Enrique Mauricio serán os encargados das visitas escolares ao Museo de Pontevedra que empezarán este martes. Están concertadas cos centros educativos e xirarán en torno ao autor de Seis poemas galegos.

O alumnado participante terá a oportunidade de realizar a súa propia caricatura do poeta granadino, do que Taboada e Mauricio lembran que chegou a Galicia por primeira vez o 25 de outubro de 1916 e que ese periplo galego do poeta  e dramaturgo asasinado o 18 de agosto de 1936 está centrando un completo traballo de Alvarellos Editora. 

O xoves 24, ás 19.30 horas, o editor Henrique Alvarellos, acompañado polo xornalista Ramón Rozas, ofrecerán a conferencia 'Viaxe a García Lorca, poeta galego'. O propio Alvarellos lembra que a decisión de García Lorca de escribir en galego e confesarse 'poeta galego' converteuno, en vida e ata hoxe, no gran embaixador da cultura e da lingua galegas polo mundo. 

Durante a charla, falará da fonda relación e da ofrenda para a lingua e cultura galegas que constitúen os Seis poemas galegos  de Lorca. Ademais, proxectarase no Sexto Edificio un breve documental moi descoñecido da xira que a compañía La Barraca realizou por Galicia e Asturias en agosto de 1932

En relación con esta relación de Lorca con Galicia, Alvarellos sinalou que leva varios anos investigando e publicou o resultado en dous libros, os dous editados por Alvarellos Editora, en 2018: El gran viaje de estudios de García Lorca e a edición facsimilar e ilustrada dos Seis poemas galegos.

O sábado haberá un contacontos ilustrado para o público infantil en torno a Seis poemas galegos ás 12.00 horas e ás 13.00 horas comezará a ruta guiada por Enrique Mauricio e Carlos Taboada 'Pontevedra, cidade lorquiana', que partirá do Sexto Edificio e transcorrerá polo edificio Castro Monteagudo do Museo, a praza da Ferrería, a rúa García Camba e as prazas de Galicia e San Xosé.