As críticas ao seu pasado franquista empanan o Día das Letras Galegas para Filgueira Valverde

Pontevedra
06 de xullo 2014

A elección de Xosé Filgueira Valverde como o autor que será homenaxeado co Día das Letras Galegas 2015 xerou numerosas críticas. Varios colectivos esixen unha rectificación da Real Academia Galega, recordando a vinculación do pontevedrés coa ditadura franquista. Pero tamén foi defendida por outros estamentos sociais e culturais, entre eles, a Xunta de Galicia ou a propia RAG, que destaca que se saldou unha "débeda histórica"

Xosé Filgueira Valverde, nun dos seus numerosos actos públicos Consello da Cultura Galega

A elección de Xosé Filgueira Valverde como o autor que será homenaxeado co Día das Letras Galegas 2015 xerou numerosas críticas. Varios colectivos esixen unha rectificación da Real Academia Galega, recordando a vinculación do pontevedrés coa ditadura franquista. Pero tamén foi defendida por outros estamentos sociais e culturais, entre eles, a Xunta de Galicia ou a propia RAG, que destaca que se saldou unha "débeda histórica".

Para A Mesa pola Normalización Lingüística, unha persoa como Filgueira Valverde que "destacou por formar parte da estrutura do réxime franquista", tanto como alcalde de Pontevedra como de procurador nas Cortes, "non pode ser obxecto de homenaxe", precisamente por ter sido "un réxime que dirixiu os seus ataques máis feroces contra a lingua e cultura galegas, con consecuencias que en grande medida padecemos na actualidade".

Para seu o presidente, Marcos Maceira, "dedicar alegremente o 2015 a unha persoa coa súa traxectoria, é un insulto a todas as persoas que nas peores circunstancias imaxinables fixeron todo o posible para dignificar a lingua galega, pagando mesmo a súa actividade a favor do noso país e da nosa lingua coa prisión, o exilio ou a morte", así como tamén para as persoas que "seguimos a traballar para que a lingua galega recupere os espazos que lle foron roubados".

O colectivo recorda que se a lingua galega está viva e conta cunha rica produción literaria e cultural "é grazas ás persoas que sofriron a represión do réxime do que formou parte Filgueira". De aí que fagan un chamamento á sociedade galega para que o Día das Letras Galegas siga a ser "o día da unidade de todo o pobo galego en torno á súa lingua", o que é "claramente contraditorio con festexar a complicidade con quen tentou aniquilala".

Pola súa banda, a Xunta de Galicia celebrou a decisión da Real Academia Galega de dedicar o Día das Letras Galegas 2015 ao polígrafo pontevedrés. Avanza que, nada máis coñecer esta elección, puxéronse a "preparar xa" a homenaxe que Galicia lle renderá ao autor, "unha das figuras máis destacadas da cultura galega durante o século XX", o próximo ano.

O goberno galego destaca o "ímprobo labor" de Filgueira Valverde como "promotor e partícipe de moitas das máis destacadas institucións culturais de Galicia", concretamente no Seminario de Estudos Galegos, o Museo de Pontevedra, o Instituto Pai Sarmiento de Estudos Galego e o Consello da Cultura Galega, e como protagonista do desenvolvemento social de Galicia. Cualifícano como un dos "maiores divulgadores culturais" da comunidade.

Arquivado en