As bandas mais novas de Pontevedra estarán todas xuntas nun festival de Nadal

Pontevedra
19 de decembro 2023

Na programación de actividades deseñada polo Concello de Pontevedra para estas datas faltaba por presentar un festival o 'Nadal Sónico'

Gonzalo Maceira e Demetiro Gómez presentaron o 'Nadal Sónico' PontevedraViva

Na programación de actividades deseñada polo Concello de Pontevedra para estas datas faltaba por presentar un festival o 'Nadal Sónico'.

O concelleiro Demetrio Gómez e o responsable do Estudio Bonobo Gonzalo Maceira, anunciaron este martes esta "sorpresa moi agradable" que terá lugar este sábado 23, a partir da 7 da tarde, no Teatro Principal e con entrada de balde.

As bandas mais novas de Pontevedra estarán todas xuntas nun festival de Nadal, "nestas datas que son as máis propicias tamén para o rock and roll". 

Demetrio Gómez asegurou que vai ser un espectáculo "realmente divertido, ameno e a un volume poderoso" toda unha "auténtica festa da música máis emerxente en Pontevedra" polo que anima á cidadanía a asistir ao festival.

O 'Nadal Sónico' terá como protagonistas aos grupos de música do Rock Lab, de Xeración Sónica e do Local de Música e mesmo do programa Memoria de Elefanta "que teñen unha sorpresa que presentarnos" que será unha canción.

Gonzalo Maceira explicou que levaban tempo "intentando trazar unha liña de conexión" entre as actividades do Rock Lab, que son os nenos que comezan desde os 4 aos 12 anos, Xeración Sónica, que son os rapaces que están desde os 12 aos 16, "e despois tiñamos a necesidade de conectar co Local de Música". 

"É a primeira vez que somos capaces de xuntar pois a toda esta xeración de alumnos e alumnas e xa pois músicos e protomúsicos da cidade para reunilos a todos e facer un festival. Aproveitando estas datas, pois é o momento perfecto", dixo Gonzalo Maceira. 

"Imos ter moita variedade, moito rock and roll e moita festa", prometeu.