As actuacións musicais en galego de Musigal chegarán a todos os pequenos concellos de Pontevedra

Pontevedra
25 de maio 2018

Xosé Leal presentou os concertos aprobados co acto 'Musigal na Onda'. Baixo o formato dun programa de radio e conducido por Xurxo Souto, contou coas actuacións de Susana Seivane, De Vacas, Roi Casal, Gabi de Dakidarría, Rogelio Groba da Orquestra de Cámara Galega e Peter Punk e Brais das Hortas 

MUSIGAL na Onda Mónica Patxot

A convocatoria realizada pola área de Cultura da Deputación de Pontevedra para promover que a música en galego chegue a todos os concellos da provincia foi todo un éxito. Todos os concellos de menos de 50.000 habitantes presentaron solicitudes para contar con concertos e actuacións ao abeiro deste programa, que se bautizou Musigal. 

Así o anunciou este venres o deputado de Cultura, Xosé Leal, que optou por presentar os concertos aprobados co acto 'Musigal na Onda'. Baixo o formato dun programa de radio e conducido por Xurxo Souto desde o Pazo Provincial, contou coas actuacións de Susana Seivane, De Vacas, Roi Casal, Gabi de Dakidarría, Rogelio Groba da Orquestra de Cámara Galega e Peter Punk e Brais das Hortas.  

O deputado provincial sinalou que o éxito do Musigal responde á demanda de música en galego que viñan detectando en toda a provincia, tanto por parte dos concellos con problemas orzamentarios para realizar as programacións que desexarían como por parte do público que demanda música profesional nos seus lugares de residencia.

No mesmo acto anunciou que todos os concellos presentaron solicitudes e a todos lles foi aprobada a primeira actuación que encabezaba a solicitude. Por cuestións orzamentarias, para conceder a segunda actuación foi preciso aplicar os criterios de valoración recollidos nas bases da convocatoria, polo que foron nove os concellos aos que se lles adxudicaron. 

Eses nove concellos con dúas actuacións terán a actividad no marco de Festas de Interese Turístico e eventos consolidados. Trátase de Poio, Cambados, O Rosal, Agolada, A Guarda, Bueu, A Estrada, Ponteareas e A Cañiza

En total suman 67 concertos a cargo de 29 formacións musicais. O artista máis solicitado e con máis concertos concedidos é Roi Casal, con 11 actuacións; seguido de Treixadura con 8, de Milladoiro con 6, e de Óscar Ibáñez&Tribo con 4.

Con 3 actuacións están Sés, Odaiko e Verbena Galega, con 2 figuran Xulio Lorenzo, Susana Seivane, A Roda, Dakidarría, De Vacas, a Orquestra de Cámara Galega, e Heredeiros da Crus. E con unha actuación están Uxía, Punkinfantil, Píscore, Os D’Abaixo, Festicultores Troupe, Budiño, Anxo Lorenzo Band, Andrea Pousa, A Gramola Gominola, A Banda da Loba, Guadi Galego, Keltia O Musical, e Migallas.

O primeiro concerto terá lugar este sábado 26 en Vilaboa, pero a maioría terán lugar durante o verán, nomeadamente no mes de agosto, mentres que para o outono están previstos sete, os últimos en Portas, con Roi Casal, e Ribadumia, con Uxía, ambos o 9 de decembro.