Artistas de Pontevedra, Poio e Barro, entre as novas participantes do programa Descúbreas

Pontevedra
05 de abril 2023

Oito artistas femininas foron seleccionadas para participar nunha nova edición do programa Descúbreas, impulsado pola Deputación de Pontevedra e a plataforma Regalamúsica, para impulsar o talento das mulleres na industria musical

Xurado do programa Descúbreas Deputación de Pontevedra

Oito artistas femininas foron seleccionadas para participar nunha nova edición do programa Descúbreas, impulsado pola Deputación de Pontevedra e a plataforma Regalamúsica, para impulsar o talento das mulleres na industria musical.

A pontevedresa Lidia Aldao, que vén de protagonizar o último Sofar Sounds no Museo, é unha das artistas que participará neste programa. Farao xunto a Arancha Rodríguez, Sara Mínguez, Alba Ermida, Lucía García, Andrea Garriga, Nerea Gándara e Laura Marino.

Todas elas, procedentes de Pontevedra, Vigo, Barro, Poio, Nigrán e Ponteareas, foron elixidas por un xurado técnico e, a partir de agora, participarán neste programa de mentoría co asesoramento de mulleres referentes do sector en Galicia.

Durante as sesións recibirán formación musical transversal, obradoiros e charlas impartidas por profesionais, e gravarán cadanseu tema e videoclip que serán lanzados nas principais plataformas de streaming e venda en liña. 

O programa seguirá a ofrecer vídeo-entrevistas a artistas sobre a situación das mulleres na música e vídeo-titoriais. Tamén se distribuirá unha newsletter semanal e realizarase un vídeo colaborativo coas escolas de música da provincia.

Ademais, manterase o servizo de consultoría en liña para dar resposta ás inquedanzas das estudantes de música e actualizaranse os contidos da plataforma web, que conta cun directorio de mulleres profesionais.