Arte galega, cine e reflexión social despuntarán no Culturgal

Pontevedra
27 de novembro 2024

Vai ofrecerse unha feira de arte contemporánea no Pazo da Cultura baixo a denominación 'Espazo Arte'. Tamén haberá performances e, entre as propostas cinematográficas, Zeltia Outeiriño debuta con 'Filmei Paxaros Voando'

Espazo Arte, en Culturgal Culturgal

Pontevedra prepárase para acoller esta fin de semana, do 29 de novembro ao 1 de decembro, unha nova edición do Culturgal, a feira das Culturas Galegas, que ofrecerá unha programación ampla e diversa.

No Recinto Feiral do Pazo da Cultura están previstas diversas actividades entre as que destacan a arte contemporánea, cine, teatro, música, literatura e reflexión social como piares dun evento que busca conectar co público e poñer en valor a riqueza cultural de Galicia.

Un dos grandes atractivos desta edición será o Espazo Arte, que crece como unha auténtica feira de arte contemporánea.

A iniciativa aposta polas galerías e espazos de arte que representan modos de traballo novidosos en Galicia, explorando as relacións entre a arte e a sociedade.

O público asistente terá a opción de adquirir pezas de arte cun rango de prezos que vai desde os 100 ata os 10.000 euros.

Entre as propostas destacadas atópase a de Pombal Gallery, que presentará 'A Invitación', unha iniciativa de arte social que busca mobilizar ao público ofrecendo transporte, entradas á feira e un “petisco-pack”.

Tamén haberá performances como as do ciclo 'Neodoctrinas', comisariado por Lupercais Arte (Lucía Estévez e Lucía Leirós), e a intervención de Andrea Mosquera Guerrero, da Galería Sarao Studio.

A programación complétase con obradoiros, como o de Xosé Vilamoure (galería Dodo Dadá) e o de cianotipia (galería La Doce), así como mesas de debate sobre temas como o compromiso social na arte (A Colectiva) ou os espazos alternativos para a creación artística (Apo'strophe.arte).

CINEMA: DEBUT DE ZELTIA OUTEIRIÑO

O cinema terá un protagonismo especial coa proxección de 'Filmei Paxaros Voando', o debut da cineasta galega Zeltia Outeiriño, que abrirá a programación cinematográfica o venres 29 ás 19.00 horas.

A película, que xa emocionou no Festival Cineuropa e foi recoñecida con unha mención especial no Festival L’Alternativa de Barcelona, reflexiona sobre o desarraigo, os coidados e o duelo a través dunha mirada autobiográfica.

O filme, unha coprodución de Ringo Media e Sétima, narra o regreso de Zeltia a Galicia tras 20 anos en Barcelona para recuperar a memoria do seu tío Antonio, un artesán téxtil.

Zeltia Outeiriño, directora de cineSétima

Este reencontro leva á directora a explorar a relación coa súa nai Socorro, cuxo empeoramento de saúde abre un novo camiño de amor e coidados. Parte do equipo estará presente na proxección para compartir impresións co público.

Ademais, ata o domingo proxectaranse outras producións galegas como 'Os espazos en branco', 'Aurora', 'As Neves', 'Biopalula', 'Los Saldos' e '+Cuñados'.

A programación de Culturgal inclúe actividades para todos os gustos e idades, desde concertos e presentacións literarias ata espazos dedicados á gastronomía e ao comercio cultural. 

Toda a programación está dispoñible  nesta ligazón.