#Aportapechada amosa a parte "invisible" do Museo de Pontevedra

Pontevedra
17 de novembro 2020

A conservadora de Fondos Artísticos Natalia Fraguas ofrece unha explicación sobre as salas de reserva e como están estruturadas con pezas que, en ocasións, contan cun gran valor histórico e artístico pero que se atopan nestes espazos para conservalas nas mellores condicións

Pezas gardadas nas salas dos fondos do Museo Museo de Pontevedra - Deputación de Pontevedra

O espazo #Aportapechada do Museo de Pontevedra ofrece unha visita aos fondos desta institución da man da conservadora de Fondos Artísticos Natalia Fraguas, que ensina no vídeo como é unha das salas de reserva e explica para que serven.

Estes espazos non son accesibles para as visitas e neles atópanse pezas de notable valor, pero que se atopan nesta zona pola imposibilidade de que formen parte da exposición permanente por falta de espazo, por cuestións organizativas ou, como sucede no caso do Museo de Pontevedra, pola rehabilitación dos edificios históricos, que obrigaron a trasladar diferentes obras a estas dependencias.

Ademais, tamén existen casos de pezas que se gardan nestas salas de reserva porque precisan dunhas condicións de conservación específicas, segundo explica Natalia Fraguas. Nestas zonas realizan as súas tarefas profesionais como os conservadores e restauradores, encargados de preservar estas obras artísticas para que poidan manterse na mellor situación de fronte ao futuro.

Durante o vídeo, a especialista ofrece unha visión de complementos de moda e pezas téxtiles, que se atopan nestas salas do Museo, conservadas nas mellores circunstancias.