Ante unha réplica exacta de obras de arte ou pezas arqueolóxicas, distinguirías unha orixinal?

Pontevedra
19 de novembro 2014

A mostra Orixinal ou copia?: As reproducións na conservación do patrimonio busca dar a coñecer o proceso de elaboración de réplicas exactas de obras artísticas ou pezas arqueolóxicas, así como o papel que neste campo desenvolven restauradores e conservadores

Exposición "Orixinal ou copia?" na Escola de Restauración e Conservación Mónica Patxot

ÿ orixinal ou é unha copia? ÿ a pregunta que tentan suxerir os visitantes nunha exposición que se inaugurou este mércores na sala de exposicións da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. A mostra As reproducións na conservación do patrimoniobusca dar a coñecer o proceso de elaboración de réplicas exactas de obras artísticas ou pezas arqueolóxicas, así como o papel que neste campo desenvolven restauradores e conservadores.

A exposición estará aberta ata o 19 de decembro en horario de 17 a 21 horas e estrutúrase en cinco seccións. A través delas o visitante poderá ir achegándose aos diferentes procedementos de reprodución, en función do tipo de pezas, materiais ou técnicas utilizadas.

Así, na sección de metais poderán contemplarse, por exemplo, orixinais de machadas de talón, e na sección de pedras cobran protagonismo as biface. Tanto nun caso coma no outro, o observador poderá facerse unha idea clara do proceso de reprodución, porque terá ante si o orixinal de cada peza, o molde e a correspondente réplica.

O mesmo sucede na sección de arqueoloxía, onde o que se vai poder observar serán ósos e hastas de animais; e na sección de escultura, onde non só haberá exemplos de procesos rematados, senón tamén de moldes en elaboración, que permitirán afondar aínda máis no detalle do proceso de replicado.

Na quinta sección poderán contemplarse copias de petróglifos elaboradas pola Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e que teñen, en si mesmas, un gran valor histórico, dado que son os únicos vestixios que quedan da existencia destas insculturas rupestres das que non se conservan os seus orixinais.

Finalmente, o proceso de elaboración da réplica do Tímpano de Palmou será a peza estrela da mostra. Trátase dun tímpano realizado en granito e datado entre 1150 e 1160, pertencente á Igrexa de San Xoán de Palmou (Lalín) e que foi recuperada en 2005 grazas á iniciativa da Deputación de Pontevedra, que agora impulsa tamén a elaboración dunha réplica que poida instalarse no seu lugar orixinal.

O proceso de reprodución, realizado no propio Museo de Pontevedra pola Escola de Restauración, poderá verse en detalle na mostra. Incluíu dúas reproducións, unha en escaiola para que a Escola de Canteiros a replique en granito, e outra en morteiro para o Museo da ONCE, co obxectivo de que as persoas invidentes poidan tocala e percibila.

As pezas expostas -orixinais, moldes e réplicas- proceden tanto da Escola de Restauración como de outras institucións, entre as que figura o propio Museo de Pontevedra, de onde procede a colección de petróglifos ou o tímpano de Palmou; o Concello de Pontevedra, que cedeu a man orixinal da Estatua de Colón, ou Factum Arte, que prestou unha réplica feita coa técnica de láser dun capitel románico da igrexa de Tudela e que permitirá percibir a diferenza entre as réplicas obtidas con métodos tradicionais e as conseguidas coas novas tecnoloxías.