Ángeles Tilve, primeira muller á fronte do Museo de Pontevedra

Pontevedra
20 de setembro 2023

Renovación no Museo de Pontevedra. Ángeles Tilve Jar será a primeira muller en dirixilo. A ata o de agora responsable da súa área de coleccións, é a nova directora da entidade. Substitúe no cargo a Xosé Manuel Rey, que ostentaba esta responsabilidade desde 2019

Ángeles Tilve, nueva directora del Museo de Pontevedra Rafa Estévez / Deputación de Pontevedra

Renovación no Museo de Pontevedra. Ángeles Tilve Jar será a primeira muller en dirixilo. A ata o de agora responsable da súa área de coleccións, é a nova directora da entidade. Substitúe no cargo a Xosé Manuel Rey, que ostentaba esta responsabilidade desde 2019.

"É o noso obxectivo converter Pontevedra nun referente cultural internacional, na cidade da cultura, e estou convencido de que con Ángeles Tilve como directora ímolo conseguir", explicou o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, responsable político do museo pontevedrés.

Domínguez destacou que a nova directora da entidade "é unha profesional da casa, que coñece o Museo de Pontevedra desde hai máis de 35 anos e vai ser quen de darlle un novo rumbo".

Tras o cese de Xosé Manuel Rey, o vicepresidente provincial quixo agradecerlle o seu "traballo e profesionalidade" durante os catro anos que dirixiu a institución. "Ten as portas abertas para seguir colaborando nun futuro e no que precise", engadiu. 

Entre os retos que deberá abordar Ángeles Tilve estará o de adaptar a xestión e dirección do museo aos desafíos e oportunidades que se presentan no ámbito cultural e museístico, incluíndo a dixitalización e a incorporación das novas tecnoloxías.

A nova dirección do Museo de Pontevedra, segundo adianta a entidade nun comunicado, centrarase no impulso das coleccións propias do museo e en promover a creación de experiencias enriquecedoras para os visitantes.

Ademais, estudaranse novas estratexias para o acceso ás coleccións e para o fomento da participación do público, aproveitando as ferramentas dixitais e as tendencias contemporáneas.

Tilve traballará no fomento da colaboración con outras institucións culturais, tanto a nivel local como nacional, para fortalecer as sinerxías e enriquecer a oferta cultural da provincia, buscando alianzas estratéxicas que contribúan á promoción e difusión do Museo de Pontevedra.

A este respecto, adianta que entre os seus eixos de traballo estarán o impulso da divulgación de información sobre as actividades do museo, os seus proxectos e obxectivos ou o fomento da participación activa de asociacións culturais e da sociedade na toma de decisións, creando espazos de diálogo e colaboración para que poidan contribuír coas súas ideas e propostas. 

Tamén se explorarán vías para que o Museo de Pontevedra se converta nun espazo accesible, onde diferentes colectivos poidan levar a cabo actividades e proxectos que enriquezan a oferta cultural e promovan o intercambio de coñecementos.

Ángeles Tilve Jar, licenciada en Xeografía e Historia e especialista en Arte Moderna e Contemporánea, pola Universidade de Santiago, ten unha longa traxectoria como investigadora.

Aínda que os seus textos e intervencións cobren un amplo abano de temas, Tilve é recoñecida polos seus coñecementos sobre pintura galega e española dos séculos XIX e XX. 

Era conservadora de fondos xerais do Museo de Pontevedra e exercía como responsable da súa área de coleccións. Nel traballou nos últimos 36 anos, desde que entrou como bolseira no ano 1987, e foi comisaria de varias exposicións, a última "Castelao en Europa. A viaxe de 1921".