Ampliarán o espazo de depósito da biblioteca de Pontevedra

Pontevedra
20 de febreiro 2021

Case 50.000 euros é o que vai a investir a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, nun proxecto que permitirá incrementar o espazo de almacenaxe e depósito dispoñible na biblioteca pública de Pontevedra

Luis López, delegado da Xunta, coa directora da biblioteca de Pontevedra, Alejandra Mosquera Xunta de Galicia

Case 50.000 euros é o que vai a investir a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, nun proxecto que permitirá incrementar o espazo de almacenaxe e depósito dispoñible na biblioteca pública de Pontevedra.

Esta mellora quedará rematada a finais de marzo, segundo avanzou o delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, que visitou as instalacións este venres en compañía da súa directora, Alejandra Mosquera.

Esta actuación permitirá reforzar as condicións de salvagarda, coidado e emprego dos fondos documentais e bibliográficos depositados nesta biblioteca.

En concreto, vanse a instalar armarios móbiles compactos de grandes dimensións que, a través da maquinaria axeitada, permitirá aumentar o espazo de depósito dos libros e demais fondos documentais e optimizar a superficie dispoñible.

A biblioteca Antonio Odriozola, unha das sete xestionadas pola Xunta de Galicia, conta cunha ampla colección de obras que inclúe desde un fondo antigo de prensa ata diferentes publicacións de narrativa, poesía, teatro, biografías, ensaio, libros de viaxes, xuvenís, de idiomas, banda deseñada ou lecturas escolares.

Conta ademais co chamado Fondo Pontevedra, con obras sobre a cidade, e unha colección accesible con materiais adaptados a persoas con diferentes disfuncións lectoras.

Ademais, foi incorporando ao longo da súa historia numerosas adquisicións que conforman un fondo especial que inclúe incunables dos séculos XVI, XVII e XVIII, depósitos da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e a Colección Sampedro, libros en homenaxe a Losada Diéguez, parte da biblioteca das irmás Mendoza ou fondos da biblioteca do profesor Carlos Villar.