Ampliada a oferta de visitas guiadas ás Ruínas de San Domingos

Pontevedra
26 de xullo 2023

Ata o 15 de outubro estas visitas van desenvolverse os martes, mércores, xoves e venres ás 12.00 horas. Teñen unha duración de 30 minutos e son de balde, sen necesidade de inscrición previa

Visitas guiadas ás Ruínas de San Domingos Museo de Pontevedra - Deputación de Pontevedra

O Museo de Pontevedra anuncia este mércores 26 de xullo a ampliación da oferta de visitas guiadas ás Ruínas de San Domingos. 

Desenvolveranse ata o 15 de outubro todos os martes, mércores, xoves e venres ás 12.00 horas. A duración será de 30 minutos e persoal do equipo de Educación do Museo explican a historia e o valor patrimonial do espazo, ademais das pezas que se atopan no seu interior.

A visita é gratuíta, sen necesidade de inscribirse previamente.

Este elemento monumental situado no centro de Pontevedra abriu as súas portas ao público o 1 de abril e permanecerá aberto ata o 31 de octubro. O horario de apertura establécese de martes a sábados, desde as 10.00 ás 14.00 horas e de 16.00 a 19.30 horas. Os domingos e festivos o horario é só matinal e os luns permanecen pechadas.

Este espazo forma parte dos sete edificios que configuran o Museo de Pontevedra. Conta con restos da antiga igrexa do convento dominico da cidade, fundado cara ao ano 1282. Consérvase a cabeceira da igrexa de cinco ábsidas, unha circunstancia excepcional na arquitectura gótica en Galicia. Tamén se conserva parte do muro sur da igrexa e a entrada á sala capitular, que se corresponde con obras realizadas a partir de 1383, segundo informan desde o Museo de Pontevedra.

OUTRAS VISITAS GUIADAS

O equipo de Educación do Museo tamén ofrece visitas guiadas á exposición permanente, que se atopa nos edificios Castelao e Sarmiento durante esta época de verán.

As visitas realízanse de martes a sábado ás 12.00 horas, e os mércores ás 18.00 horas. 

A elas súmase a que todos os xoves, ás 18.00 horas, os visitantes poden realizar á exposición 'Rafael Úbeda. Expresións cromáticas', unha mostra que permanecerá aberta ata o 17 de setembro. Nela recóllense ao redor de cincuenta obras das tres últimas décadas realizadas polo pintor pontevedrés, referente da arte contemporáneo.

Todas estas visitas guiadas son gratuítas e non é necesario inscribirse.