Entre o venres 2 e o mércores 7 de xullo, a praza da Pedreira porá os lentes do arco da vella. Será o escenario elixido para a primeira edición de 'Ambienta', unha Mostra Internacional de Cinema LGTBIQA+ que recolle o testemuño do Flop Cinema que nos últimos anos celebrou o Día Internacional do Orgullo LGBTIQA+ con proxeccións de cinema sobre esta temática. 'Ambienta' supón ir un chanzo máis, abordar cuestións relacionadas coa diversidade sexual, de xénero e familiar e, coa mirada posta no futuro, ser máis ca un festival de cinema.
De momento, na súa primeira edición, xa se presenta como lugar de encontro, cultura e socialización arredor do cinema para gozar do espazo público da cidade, levando ao espazo público, neste caso a praza da Pedreira, a visibilización desa diversidade.
A concelleira de Festas, Carme da Silva, presentou este luns o proxecto e o ciclo de proxeccións audiovisuais co que nace este 2021, que estará dividido en catro bloques de actividades que se poden consultar na web do proxecto: 'Ambienta actual', 'Ambienta clásico', 'Ambienta doc' e 'Ambienta en curta'.
O venres 2 de xullo ás 22:00 horas será o acto de presentación, no que estarán presentes Carme Adán e Cristina de la Torre, directoras da curtametraxe inaugural: Falan Elas, producida polo Consello da Cultura Galega e que ata agora non se proxectou para o público en xeral. A continuación, ás 22.30, será a quenda de 'Ambienta Actual', coa proxección de Deux (Francia).
'Ambienta actual' mostra algúns dos filmes máis importantes do mundo, tanto aqueles que foron aclamados pola prensa e atraeron a atención dos festivais, como outros seleccionados en colaboración con Novos Cinemas. O sábado 3, tamén ás 22.30 horas, seleccionaron Dramarama(Estados Unidos), do director Jonathan Wysocki. A proxección incluirá a gravación dun vídeo desde Los Ángeles co saúdo do director.
Dentro de 'Ambienta actual' haberá outra proxección o martes 6, En busca de Summerland (Reino Unido) da directora Jessica Swale. Esta cinta é candidata a Mellor Película Europea nos Premios Goya e Premio Raio de Luz no Festival Internacional de Cine de Noruega.
O domingo 4 será a quenda de 'Ambienta Clásica', que recupera títulos importantes que nos axudan a descubrir a presenza do colectivo na historia do cinema e como foi a representación do mesmo ao longo do tempo a través da sétima arte.
A selección realízase en colaboración co Cineclube de Pontevedra e o primeiro día proxectarase ás 22.30 horas Happy Together, do ano 1997.
'Ambienta Doc', en colaboración coa Asociación Avante LGBT+, explora as distintas vías de representación do colectivo desde unha aproximación honesta ás necesidades, triunfos e cotiandade da comunidade LGBTIQA+.
A programación será o luns 5 e terá un horario especial. Ás 20.00 horas haberá un encontro coa xornalista, documentalista, ensaísta e produtora Valeria Vegas, autora do libro de memorias de La Venenoque serviu de base á serie audiovisual sobre a súa figura.
Valeria Vegas é autora ademais de Vestidas de Azul, análise social e cinematográfico da muller transexual nos anos da transición a partir do documental do mesmo título dirixido por Antonio Giménez Rico e que se proxectará a continuación, ás 22.00 horas, coa presenza de Nacha la Poderosa, protagonista do filme.
O acto de claursura será o mércores 7 ás 22.00 horas e contará coa intervención do vídeo creador Jairo Moreno, que dirixe a peza realizada en exclusiva para Ambienta, Máis alá do arco da Vella, que aínda se está a elaborar.
Ese mesmo día, ás 22.30 horas, será a quenda de 'Ambienta en curta', en colaboración con FICBUEU, que achega as distintas realidades do colectivo LGBTIQA+ nun formato que esperta un gran interese por parte do público, con historias contadas en non máis de 30 minutos. Proxectaranse:
- How to die young in Manila (Filipinas) do director Petersen Vargas.
- Min värld I din [My world in yours] (Suecia) da directora Jenifer Malmqvist
- Hva er en kvinne [What is a woman] (Noruega) da directora Marin Håskjold
- Progressive Touch (Austria - Holanda) do director Michael Portnoy
- USA Playback. Ensayo de una despedida (Arxentina) da directora Agustina Comedi.
A concelleira de festas explica que este proxecto nace coa vocación de converterse en iniciativa de referencia que aborde cuestións relacionadas coa diversidade sexual, de xénero e familiar e é unha das "novidades importantes" da programación de verán ‘O son da rúa’.